Burela celebrará as súas festas patronais cun formato adaptado aos tempos actuais que seguen marcados pola pandemia e cunha programación que comezará o 29 de maio e rematará o 8 de xuño.
Haberá pregón, animación musical polas rúas, actos relixiosos e a confección dunha alfombra floral na praza do Concello, entre outras actividades. O pregoeiro deste 2021 será Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores e presidente da confraría de Burela. A programación comezará o 29 de maio e rematará o 8 de xuño.
A presidenta da comisión organizadora das festas patronais de Burela, Toñi Eijo, destacou que tamén haberá un rastrillo popular solidario e a actuación da Banda de Música de Foz, coa colaboración da Banda de Gaitas da A.C.Dambara o día 30.
Para o venres 4 de xuño haberá un concerto de rock da Escola de Música de Burela. O sábado, 5 de xuño, a partir das nove na praza do Concello, haberá a confección da alfombra floral e tamén pasarrúas a cargo de Mecánika e Dambara. O domingo, 6 de xuño, pasarrúas a cargo da Banda de Santo Inocencio; misa e, logo, no barco museo Reina do Carme terá lugar a interpretación da Salve Mariñeira a cargo da Banda de Santo Inocencio.