Xeoloxía e turismo. Esa é a combinación coa que Burela pretende activar a súa economía durante o verán. Trátase de carto rutas xeolóxicas: a da Marosa, do Perdouro, do Cantiño ou do Monte Castelo, adaptadas aos tempos da pandemia.
Estas rutas xeolóxicas permite descubrir o conxunto de pregues mellor conservado de toda Galicia, unhas estruturas xeolóxicas de máis de 300 millóns de anos de antigüidade, e orixinadas por mor da Oroxenia Varisca, salientable acontecemento xeolóxico da Era Paleozoica. Así como os fermosos arcos rochosos do Perdouro, a rasa cantábrica, superficie achairada que comeza en Burela e se estende por boa parte do Cantábrico; ou o contacto co granito de San Cibrao na zona de Castrelo.
Estas rutas terán lugar durante 22 días desde principios de xullo ata mediados de setembro. O edil de turismo, Ramiro Fernández Rey, di que decidiron apostar “fortemente” por este tipo de turismo activo, xa que as edicións anteriores deron uns resultados moi bos.
“Esta é unha das principais novidades que imos ter no ámbito turístico durante este ano, pero estamos planificando outras actividades, que agardamos que funcionen ben. Estamos esperanzados en que sexa un bo ano para o turismo a pesar da pandemia”, sinalou.
O edil lembrou que as Xeorutas puxéronse en marcha no ano 2016 e desde entón están a funcionar moi ben. As persoas interesadas en realizar algunhas das rutas xeolóxicas poden informarse no teléfono 982 888 506.