InicioEn ProfundidadeO bispo franquista Eijo Garay, o nome dunha rúa que divide aos...

O bispo franquista Eijo Garay, o nome dunha rúa que divide aos partidos políticos en Burela

A retirada de simboloxía considerada franquista en aplicación das leis de Memoria Histórica e Memoria Democrática, abre intensos debates en todos os concellos onde se queren aplicar. O caso da rua Eijo Garay en Burela é un exemplo. Fillo predilecto e prócer da vila mariñeira, bispo franquista e colaborador do réxime para outros, as posición están moi marcadas desde o ano 2018.

Publicada o

- Advertisement -

Leopoldo Eijo Garay foi o bispo que máis tempo ocupou unha sé episcopal na historia recente do Estado, a de Madrid-Alcalá durante corenta anos. En 1937 xunto a outros bispois asinou a “Carta colectiva episcopal” apoiando o golpe de estado de 1936 considerando a posterior guerra como católica fronte un inimigo “estranxeiro e ateo”.

Durante a convulsa década de 1930, na vila de Burela persoas vinculadas ao sector do mar, tanto na pesca como na conserva ademais doutros estamentos sociais, consideraron a necesidade de crear e ampliar as infraestruturas portuarias da localidade, naquel momento unha parroquia de Cervo. Foi así como José Antonio Lestao, un emprendedor que buscaba comezar as obras do porto xunto con don Camilo, o mestre da vila, iniciaron os pasos para materializar as obras destas infraestruturas. En 1950 déuselle o nome do bispo á rúa hoxe centro do debate.

CONEXIÓNS DE EIJO GARAY CON BURELA

Mario Pillado, concelleiro do BNG, lembra que xa en 2010 o colectivo cultural Buril, pedira a retirada do nome da rúa por ser un “bispo franquista”. “O nome ten uns argumentos a favor, había un pósito de pescadores que foi creado polo mestre Don Camilo, xunto co señor Lestao e outras persoas, fixeron as xestións para a construción de novas instalacións do porto”.

En 2018 presentamos unha moción para debater a condena do golpe de estado do 1936 ademais de falar da retirada do nome da rúa” di Mario Pillado. Naquel momento PSOE tiña maioría absoluta e acabou comprometéndose á creación dunha comisión que estudase a continuidade da simboloxía franquista na vila e ver que elementos se retiraban.

Manuel Rouco, concelleiro do PP burelés, lembra que primeiro se crearía unha comisión de memoria histórica e logo se debaterían que temas entrarían nela. “Nós presentaramos a proposta de nomear rúas con persoas que destacasen pola súa aportación a Burela” sinala Manuel Rouco. No caso concreto do bispo Eijo Garay “nos papeis do pósito de pescadores, agora confraría, descubriuse que este bispo tiña parentes en Burela”. Para Rouco, este motivo e non os ideolóxicos, é o que daría pé a que o nome da rúa continuase tal como está.

Ramiro Fernández, do PSOE burelés, sinala que “non é só a rúa Eijo Garay, hai máis vestixios do franquismo e no pleno do 6 de agosto acordouse crear unha comisión presidida por Herminia Pernas, cronista de Brurela”. Mais, profundando na cuestión, Fernández aclara que a postura dos socialistas é a análise de por que se lle concedeu o nome a esa rúa, ” se foi por cuestións políticas estamos de acordo en que se retire”

MOVEMENTO CACIQUIL

As obras no porto incluían as xestións con este bispo que tiña algún tipo de influencia para mover os papeis e permisos pertinentes” declara Mario Pillado. Desde o BNG local arguméntase que a creación do porto de Burela “foi grazas ao traballo de toda a sociedade da vila, mulleres redeiras, amas de casa e mariñeiros, ademais da industria da conserva. Iso foi o que creou o porto e non un movemento caciquil dun bispo franquista”.

“É certo que hai posicións encontradas, hai xente contraria a persoeiros que estiveron a favor do golpe de 1936” di Pillado. O mesmo concelleiro tamén lembra que “outros dixeron que nós cuspiamos sobre a memoria dos mariñeiros, cousa inaceptable, o que queremos é un debate tranquilo para chegarmos a unha solución”.

Manuel Rouco insiste na necesidade de destacar a memoria de persoas “que teñan traballado a favor de Burela”, por tanto valoran “positivamente poñer o nome dunha persoa a unha rúa, independentemente do que fixese noutros lugares”. Rouco entende que sería importante unha consulta pública “do sentir das persoas e que isto entrase na Comisión de debate”.

Finalmente, Ramiro Fernández considera que se se actúa “debe facerse en base á lei de Memoria Histórica e actuando sobre todos os elementos franquistas que queden na vila”. Un exemplo que pón son “as placas con símbolos da Falanxe nas Casas Baratas, son uns elementos que non se poden retirar por estaren protexidos por Patrimonio”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...