-Como afrontades o curso escolar 2021-2022?
Contamos cunha ampla oferta e dentro dela temos unha oferta da ESA, Ensino Secundario para persoas Adultas que se complementa coa materia Español para Estranxeiros. Este é unha cadeira pensada especificamente na diversidade cultural de Burela e en xeral para toda a comarca. Español para Estranxeiros vaise planificando segundo o número de persoas que asisten e dependendo das necesidades no ordinario, é dicir, os alumnos que van chegando e as súas familias. Segundo o alumnado que nos vai chegando planificamos o curso. Impartimos estas aulas en horario de tarde para facer posible conciliar o ensino coa vida laboral. Tamén temos o Bacharelato Semipresencial onde o alumnado vai facendo un ensino á carta. Cada curso poden ir escollendo as materias e non é obrigatorio facelo en dous anos. Neste sentido, somos o único IES colaborador en ensino para adultos do IES San Clemente de Santiago de Compostela.
-O curso de Español para Estranxeiros reflectiría a variedade multicultural das vosas aulas?
Si se reflicte unha diversidade tanto xeográfica como cultural ou étnica e económica que tratamos de xestionar entendendo que é un enriquecemento para toda a comunidade educativa.
-Como funciona este ensino para adultos?
É un bacharelato a distancia e o alumnado só vén aquí para realizar as probas de avaliación. É relevante que a través do IES San Clemente tamén se pode facer o bacharelato de artes e nós, Monte Castelo, somos o único centro de toda a Mariña que oferta o bacharelato de artes. Pódese cursar aquí mediante realizar as probas de avaliación.
-Dentro da Formación Profesional, o Monte Castelo tamén ten oferta?
Temos un ciclo medio de auxiliar de enfermaría. Dentro dese ciclo agora temos 50 persoas en formación ordinaria e en adultas temos 25 persoas, isto dentro do que son os programas de formación ao longo da vida. Este ciclo dá acceso a outros de grao superior. Agora mesmo temos dous ciclos de grao superior, Química e Saúde Medio Ambiental do que somos o único que o imparte na provincia. Por outra parte, temos Ensino e Animación Sociodeportiva, tamén con demanda.
-Tamén participan en programas europeos?
Participamos en programas europeos aglutinados no programa Erasmus +. No noso centro está orientado a alumnos de adultos que participan en prácticas no estranxeiro. Neste curso, a pesar da pandemia tivemos sete alumnos, en Italia e hai dous que van para Praga. Este Erasmus + tamén cobre a persoas post-tituladas. Agora temos un alumno do ciclo de Deportes en Italia. A isto engadimos a Aula Mentor. É un programa do Ministerio de Educación con cursos certificados polo Ministerio e puntúan para realizar oposicións. Tamén se fan a distancia polo que incide na aprendizaxe autónomo da persoa e aquí no IES só fan os exames.
-Sabedes se as persoas retornadas aos seus países que pasaron polo voso IES dalgunha maneira, materializan os coñecementos adquiridos en Burela?
Sabemos que é o impacto é positivo porque estamos ofrecendo unha base ampla, non limitada a unha base académica e limitada a un número de materias. Nós ofrecemos unha educación para a evolución ao longo da vida, para persoas adultas, críticas e autónomas para participar na aprendizaxe ao longo da súa vida. Aínda así, o retorno non é o máis habitual. O que nós experimentamos é o de reagrupamento familiar. O proceso inverso non é frecuente.
-Cantas nacionalidades tedes documentadas no voso IES?
Podemos falar de entre dez e doce nacionalidades diferentes.