A Concellería de Deportes abrirá o vindeiro luns, 27 de setembro, o prazo para participar nas escolas deportivas de inverno que se desenvolverán do 4 de outubro ao 27 de maio. As modalidades que se ofertan son: patinaxe lúdico, rutas en bici e tenis. O prezo de cada actividade será de 6 euros ao mes.
O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, contou que “vimos de presentar o que van ser as escolas deportivas municipais de inverno do curso 2021/2022 do Concello de Burela”. Para acceder ás probas hai que encher un formulario dispoñible na páxina web do Concello, en redes sociais e tamén copias no propio Concello para quen queira facelo en papel. A inscrición farase na Casa da Xuventude, de oito da mañá a dúas da tarde.
Ramiro Fernández explicou que “é unha actividade para nenos nados entre 2010 e 2017, o custo é de 6 euros mensuais por cada actividade e o curso vai empezar o 4 de outubro e rematará o 27 de maio”. A partir do 2 de outubro farase pública a lista de admitidos. Tamén haberá que ter en conta as limitacións derivadas da pandemia e haberá que asinar un documento coas medidas básicas para poder realizar as actividades. As escolas serán impartidas polo técnico de deportes, Iván Cao Lucas.
Fernández Rey explicou como transcorrerán estas aulas. “Este ano imos ter os luns, de tres e media a cinco e media, patinaxe lúdico no pavillón dos Castros; os mércores e os xoves imos ter rutas en bicicleta, unha actividade que funcionou moi ben tanto no inverno como no verán, que serán de tres e media a cinco; e os martes, de tres e media a catro e media, haberá tenis no pavillón dos Castros”. As actividades complementarán as que ofertan os clubs coas súas escolas deportivas. “Os clubs xa teñen o seu funcionamento coas súas categorías inferiores e nós queremos complementar con outras actividades todo iso que xa temos”, declarou Fernández.
O concelleiro de Deportes en Burela anima “a participar á xente nestas escolas deportivas que teñen bastante boa acollida e imos intentar que todo o mundo que queira practicar deporte en Burela poida facelo, non só os deportes de toda a vida senón tamén algunha actividade a maiores”.