Esta semana a “Pescada de Burela” está a ser dobremente protagonista no Salón de Gourmets en Madrid, a principal e primeira cita do sector tras a pandemia. Á degustación na caseta de Cepesca sumouse a participación da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo no programa de catas e degustacións dos produtos do Mar de Galicia.
O programa “Galicia sabe amar” da Xunta de Galicia incluíu un showcooking con “Pescada de Burela” na caseta da Consellería do Mar, que preparou a chef Criselda Iglesias (Tapería Lecer, Cangas do Morrazo, Pontevedra) coa maridaxe de Castaña de Galicia e os Viños D.O. Ribeira Sacra.
Entre os asistentes á degustación había representantes de diferentes blogues e medios de comunicación, almacenistas e directivos de mercados centrais, provedores e responsables de cadeas de distribución e sumillers.
No acto, que estivo presentado polo xerente de OPP Lugo, Sergio López, e contou coa presenza de representantes da Consellería do Mar, como a Directora Xeral de Pesca e Acuicultura da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda, puidéronse degustar as receitas: ” Salpicón de Pescada do petisco de Burela” e “Pescada do petisco de Burela con puré de tubérculos, Castaña de Galicia e Lacón Galego”.
XORNADA «POSTA EN VALOR DOS OFICIOS DO MAR»
OPP Lugo organiza este xoves a xornada «Posta en valor dos Oficios do Mar», que terá lugar no salón de actos de ABSA e recibirá a uns cen alumnos e alumnas de 4º ESO dos centros educativos de Burela.
A Organización de Produtores do Porto de Burela busca con esta iniciativa incentivar o interese xeral e sobre todo dos mozos por formar parte do futuro do sector pesqueiro.
Os directores das Escolas Náuticas de Ferrol e Culleredo presentarán aos alumnos as diferentes opcións educativas e formativas dos seus ciclos náutico-pesqueiros. Tamén se presentarán experiencias reais de armadores, patróns, xefes de máquinas ou alumnos en prácticas; así como mulleres profesionais da pesca que contarán as súas vivencias sobre a incorporación da muller ao sector pesqueiro.
Estas accións inclúense no Plan de Produción e Comercialización anual de OPP Lugo, e contan co cofinanciamento da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca.