O alcalde, Alfredo Llano, contou que o Concello decretou servizos mínimos para a xornada de folga xeral convocada na Mariña para o vindeiro mércores, 17 de novembro. O rexedor anima a participar na manifestación que sairá ás doce da mañá desde o Hospital Público da Mariña para rematar na Praza do Concello. Llano agarda que discorra con normalidade.
O alcalde burelés sinalou que “o Concello de Burela vai facilitar totalmente a organización da manifestación. Tamén impulsará e motivará á xente a participar en algo dunha maneira solidaria cos organizadores”.
Alfredo Llano espera que “esta manifestación se realice con todas as garantías organizativas, de seguridade e de participación”. Llano anima a toda a xente que queira ir ata Burela xa que “ten unha oportunidade para manifestar o seu desacordo e a súa solidariedade con todos estes temas que nos preocupan, e polo tanto, animamos a todo o mundo a secundar esta movilización”.
O rexedor sinalou que “o Concello de Burela tamén vai colaborar dunha maneira participativa imos contribuír cos servizos mínimos que se vexa que a actividade do Concello está limitada a eses servizos mínimos como pode ser o Rexistro, a Policía Local, Protección Civil ou un retén de Obras” .
Llano calcula que vai haber moito peche de comercio e de hostalería, polo menos mentres dure a manifestación aquí en Burela e supoño que no resto da Mariña tamén sucederá o mesmo. “Trátase de que, sobre todo, sirva para chamar a atención do que está acontecendo agora mesmo na nosa comarca”.
O alcalde engadiu que “o domingo pasado tamén participei representando á Mariña en Santiago na manifestación da sanidade. Cremos que é moi importante chamar a atención sobre isto”. Tamén o mércores 17 será un día para reclamar a área sanitaria propia da Mariña porque é algo fundamental para Llano.
“Pensamos que con 75.000 habitantes que poboamos a Mariña nos 16 concellos é máis que suficiente xustificación para ter un hospital e non un ambulatorio grande, un hospital con autonomía de servizos, sanitaria, de organización” declarou Llano.
O alcalde burelés considera que A Mariña debe reclamar máis infraestruturas, que se resolva a problemática tanto de Alcoa como de Vestas e outras problemáticas laborais que están ocorrendo na comarca. Polo tanto, “cremos que é un bo día para manifestarse, para reclamar e para participar dunha forma responsable e seria, pero desde logo chamando a atención sobre todo aquilo que nos preocupa e que queremos mellorar loxicamente para que A Mariña siga sendo un caudal con moito futuro”.