A Fundación Expomar organiza unha xornada sobre nutrición que se celebrará mañá pola tarde na confraría de pescadores de Burela. O alcalde burelés e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, anima a asistir a esta sesión informativa na que tamén haberá degustación de especies pesqueiras.
O rexedor considera que é unha boa iniciativa, a través da Fundación Expomar, “facer unha xornada informativa e de degustación de especies pesqueiras porque unha das razóns polas cales existe a Fundación Expomar é para a defensa de todo o que sexa o sector náutico pesqueiro“. Segundo Llano, a Fundación Expomar esta para promocionar, difundir, divulgar e facer o necesario para que sexa apreciado por todo o mundo, porqué razón é importantísimo o sector pesqueiro.
Alfredo Llano pensa que estas xornadas veñen demostrar os beneficios de todo o peixe no sistema de alimentación en todas as idades. Tamén se debe ter en conta a importancia do sector pesqueiro no concello con respecto ao movemento económico, social e mesmo cultural. De maneira especial, Llano engadiu que se debe ter en conta que o produto do mar “é natural ao cen por cen e todos os especialistas coinciden en dicir que o peixe como alimento é do mellor que pode haber. Polo tanto, queremos darlle importancia ao sector pero tamén ao produto”.
O alcalde de Burela sinalou ademais que esta xornada vai ser na confraría de pescadores, a partir das cinco e media. Ademais de citar a todos e a todas as interesadas, afirmou que se falará dos moitos beneficios do peixe na alimentación. “Queda invitado todo o mundo que poida acudir” sinalou.
Lembrou que as conferencias serán impartidas por especialistas importantes e ao remate das mesmas haberá debate. Na xornada abordaranse entre outras cuestións a dieta atlántica e a súa importancia na poboación xeriátrica, nutrición e ril, manexo nutricional da diabetes.