-Que é unha polafía, o acto que celebran en Burela?
É un termo que aglutina outras palabras como son as polavías, os filandóns, as fiadas e os serán, elementos que tiñan lugar no ámbito rural, nas pequenas aldeas e vilas. Era ese momento de xuntarse e botar unhas coplas, unhas cantigas e pasar o tempo. Celebrar a arte do encontro. Este nome mestura esas palabras da nosa lingua e que consiste en encontros que a AELG leva por todo o país. Aí gravamos estes encontros, sobre todo de persoas e grupo cunha certa traxectoria nalgúns lugares, sobre todo a xente maior. Logo estes encontros transcríbense e rexístranse en vídeo pola AELG na sección de tradición oral.
-Cal foi o motivo de querer celebrar esta polafía en Burela, cal foi o elemento definitivo que vos moveu até este lugar?
A AELG dentro da súa sección de lingua e tradición oral, co meu compañeiro Antonio Reigosa e tamén co noso compañeiro xa finado, Isidro Novo, comezaron estas actividades por todo o país. No caso de Burela era un compromiso adquirido coas Batuko Tabanka, as mulleres caboverdianas que en 2020 foron nomeadas Mestras da Memoria, mais polo contexto sanitario non se puideron celebrar os seus cantos. Por iso comprometémonos no seu día para ir a Burela e facer un acto en condicións. Iso é o que buscamos este venres 17. Tamén é un exemplo da inclusión na comunidade caboverdiana que engrandecen a nosa tradición oral.
Polafía é un termo que aglutina outras palabras como son as polavías ou os filandóns, elementos que tiñan lugar no ámbito rural, nas pequenas aldeas e vilas
-Este encontro ten outros participantes?
Temos intención de volver a Burela, porque este acto de hoxe estaba centrado nas Batuko Tabanka, mais hai outros grupos e persoas cunha grande riqueza neste lugar. Queriamos gravar aos compañeiros e compañeiras de Dambara, contar coa de Arume, mais si van estar a Banda Kreoula. Bernardo Penabade é unha persoa moi implicada na integración desta comunidade caboverdiana e participará nun acto de entrega dos diplomas de Mestras da Memoria e tamén estarán os Acordeonistas da Mariña dos que queremos rexistrar un par de pezas.
-Que queredes ofrecer como novidoso neste acto de hoxe?
No caso das Batuko Tabanka teñen un pé na antigüidade e outro na modernidade. Hai unha simbiose entre as xeracións máis novas que toman todo ese saber musical e a nós interesábanos rexistrar en vídeo toda este traballo e poñelo a disposición da cidadanía. Tamén para xente que quere estudar tesouros humanos, que é o que recoñecen os premios Mestres da Memoria.
-Que aporta para a AELG este acto?
Escritores e escritoras deberan estar en contacto coa cultura popular do país, coa lingua viva, coas súas manifestacións folclóricas porque son da xente e do pobo onde insiren a súa actividade literaria. Por tanto para nós é un privilexio poder asistir a calquera das polafías que facemos regularmente é un motivo de orgullo. Estivemos en Melide cunha polafía arredor do Camiño, temos previsto volver ao Courel, temos pendente ir á Coruña con Xosé Iglesias, o poeta do mar e estamos valorando facer en primavera facer algo na Illa de Ons cos últimos moradores da illa. Entendemos que isto escapa da escrita mais debera formar parte do traballo dos nosos escritores e escritoras.
Queriamos gravar aos compañeiros e compañeiras de Dambara, contar coa de Arume, mais si van estar a Banda Kreoula
-A medio prazo cal sería o resultado da fusión cultural en Burela e noutros lugares en Galicia onde conviven diferentes culturas?
Os fluxos migratorios poden ter un futuro prometedor ou incerto segundo os gobernos de turno fagan o que teñen que facer. Mais tamén está que colectivos e persoas individuais vexamos isto como unha oportunidade para enriquecer a nosa lingua, a nosa cultura coa mestura que son elementos fundamentais para unha cultura máis aberta e tolerante. E ademais disto, ten unha compoñente moral de acoller como fomos acollidos historicamente cando saímos e nos tocou emigrar. O futuro artístico é prometedor, pois esta mestura pode enriquecer as manifestacións culturais nosas de todo tipo.