As confrarías de pescadores e organizacións de produtores pesqueiros oponse á instalación de parques eólicos na zona do Cantábrico Noroeste, unha oposición que se puxo de manifesto tras unha reunión en Burela. O presidente da Federación Nacional de Confrarías e presidente da de Burela, Basilio Otero, expresa a “preocupación” do sector ante a “presenza” deses muíños que se instalarían “sen ter en conta a pesca”.
Xa advirte que “non” o “van a permitir”, á vez que desvela que en Galicia están “a dialogar co Goberno autonómico”. No entanto, alerta de que “hai empresas a nivel estatal que van polo seu lado”, ante o que avanza que desde o sector “non o van a permitir”. Segundo as previsións dos Planos de Ordenación do Parque Marítimo, explica Otero, “hai cinco zonas e Iberdrola xa expuxo dúas en concreto, unha fronte a San Cibrao e outra en Cedeira”.
“No seu día pedimos a situación desas dúas zonas e déronnos información nesgada. Déronnos coordenadas XY, que son coordenadas de terra, e pedímoslles lonxitude e latitude. Ao final mandáronnolas e demostrámoslles que esas son zonas de traballo, tanto de arrastre, cerco, artes menores e litoral”, subliña o presidente da Federación Nacional de Confrarías, para advertir que suporía a “perda de moitos postos de traballo”. Basilio Otero constata finalmente que desde hai 20 anos “a frota española reduciuse a metade” e que esa presenza de parques aínda incidiría máis neste descenso.