O rexedor de Burela, Alfredo Llano García, móstrase “sorprendido” ante a noticia da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb) pola que obriga a 16 familias a deixar as súas casas e espera que a Xunta free o desafiuzamento.
Estas vivendas, de protección autonómica, foron construídas no 2004. O rexedor matizou que, “polas condicións de edificación, acordouse que as familias beneficiarias destas vivendas poderían residir nelas polo menos 30 anos”.
A empresa promotora, Sahipu C3, crebou e foi este o emotivo polo que o edificio situado na rúa Mar Cantábrico pasou a mans da coloquialmente coñecida Sareb. No mes de xaneiro de 2021 esta sociedade emitiu unha orde de desafiuzamento ás familias afectadas, dándolles o prazo dun ano para abandonar os seus respectivos fogares, que finaliza en febreiro.
A deputada socialista Patricia Otero lembrou que son “varias as familias que a día de hoxe seguen sen ter noticias do futuro da súa vivenda e que non saben ao final se terán que marchar ou non, a pesar de estar ao corrente do pago dos alugueres e gastos comúns do edificio”.
Otero reclama solucións e explicacións para as persoas afectadas por parte da empresa e tamén da Administración galega, xa que “non se lles dan opcións nin tampouco se lles deixa comprar, no caso de que así o quixesen”, lamenta.
O alcalde admite que o Concello “non pode facer máis que botar unha man ás familias afectadas no posible” e pelexar para que a Xunta de Galicia negocie, “como xa están a facer”, coa empresa para evitar o desaloxo das 16 familias que cumpren “con todos os requisitos e que están no seu dereito” de seguir vivindo nos seus fogares.