InicioCentralBurelaSatisfacción do alcalde de Burela ante o anuncio de construción da A-74...

Satisfacción do alcalde de Burela ante o anuncio de construción da A-74 entre a súa localidade e Foz

Alfredo Llano tamén anunciou a posta en marcha dos hortos urbanos para os que a veciñanza poderá apuntarse a partir do 31 de xaneiro.

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Burela en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela inicia a planificación e deseño de hortos urbanos. Aquelas persoas interesadas poderán inscribirse a partir do vindeiro luns, 31 de xaneiro, en hortosurbanos@burela.org e así o Concello coñecerá a demanda que pode ter esta iniciativa, que forma parte do Plan de actuación ecolóxico, de preservación ambiental e valorización de recursos naturais do Concello de Burela en colaboración coa USC.

O alcalde, Alfredo Llano, contou que “no Concello xa é coñecido que temos un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela, a través da Politécnica de Lugo, e entre outros proxectos que compartimos están as hortas urbanas que queremos poñer en marcha en Burela. A partir do luns xa se pode ir apuntando xente. O que pretendemos con esta iniciativa de que se anote a xente é determinar canta hai interesada en participar e compartir algunha horta destas e, unha vez sabida a cantidade de xente, imos empregar máis ou menos superficie para eses hortos. Hai que mirar tamén as bases e acordaremos unha formación para que se poidan levar adiante”.

O rexedor dixo que “queremos que esas hortas sirvan para concienciar á xente a tratar as cousas dunha forma máis natural con produtos que favorezan a nutrición e que se valore o traballo que corresponde a un bo coidado da produción de alimentos. Imos intentar poñelo a andar o antes posible, pero todo leva un trámite. O que pretendemos con esta iniciativa é valorar canta xente puidera estar interesada no futuro en compartir unha destas hortas urbanas que queremos instaurar en Burela”.

LICITACIÓN DE OBRAS

Ademais o alcalde burelés anunciou que “imos realizar moitísimas actuacións no noso concello nos dous primeiros trimestres do ano, que no seu conxunto van mellorar moitas cousas. Imos facer asfaltados, arranxo e recuperación de beirarrúas, pintado de edificios, mellora do pintado na sinalización de tráfico e melloras na Vila do Medio e noutras rúas como Mar Cantábrico. Imos facer o máximo posible en obras e que se note que Burela pode ser unha vila ben coidada para procurar un beneficio para os nosos veciños e veciñas, pero tamén que chamen a atención cando recibimos visitas de fora. Estamos dándolle ritmo para que, o antes posible, comecen as obras e procuraremos ter todo licitado xa, algunha incluso empezada, no mes de febreiro”.

Alfredo Llano engadiu que “outra das cousas que cremos que é importante para o pobo dado que crea unha expectativa de futuro enorme é a compra de solares de uso dotacional preto do Hospital. Esas conversas xa están perfectamente orientadas. Penso que hai un acordo en principio e imos concluír esa operación o antes posible para que no futuro próximo se poidan ver que tipo de obras se poden realizar alí sempre pensando nas cuestións sociais e públicas, que poidan beneficiar ao conxunto da poboación de Burela”.

ANUNCIO DA A-74

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, dixo que é unha boa noticia o anuncio da construción da A-74 entre Burela e Foz. Para o rexedor esta infraestrutura daralle valor ao litoral e contou que o Concello xa falou con Fomento para que esta vía conte cun enlace co Hospital Público da Mariña.

Alfredo Llano manifestou que “é unha boa noticia que se comece agora polo menos desde Foz ata Burela. É un tramo de nove quilómetros, pero que vai mellorar a seguridade e aportar un valor a todo o litoral da nosa comarca. É unha solución xa moi agardada que debe servir para impulsar con todas as garantías tanto a comarca da Mariña como todo o que enlaza esta zona”.

O alcalde engadiu que “xa temos falado con Fomento sobre como vai repercutir esta autovía no noso concello. Xa temos acordado con eles os enlaces que vai haber e queremos un na rotonda que hai preto do Hospital Público da Mariña porque hai que darlle facilidades á xente que pode vir con urxencia a ese centro hospitalario. Pensamos que hai que ter en conta esta petición do noso Concello para favorecer que as entradas e saídas sexan moi fluídas e estean ben situadas en Burela”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...