O portavoz do BNG na Deputación de Lugo, Efrén Castro, denunciou este luns a situación que se vive no inmoble que xestiona a Sareb en Burela segue sendo “preocupante”, aínda que polo momento o ‘banco malo’ non vai a desafiuciar a inquilinos ao corrente do seu pago.
Precisamente, os nacionalistas sacaron adiante unha proposta no último pleno provincial que ten como obxectivo “evitar que se produza” o desafiuzamento de tres familias que residen no edificio, unha vivenda de protección oficial que ao pasar a mans da Sareb viuse afectada por un adianto no fin da concesión, a pesar de que os inquilinos están ao corrente dos pagos, aínda que polo momento non se vai a executar.
Castro destacou que a “situación é preocupante, porque máis aló das noticias que daban a entender que estaba todo solucionado coa prórroga dos contratos (ata 2029), a situación levou a que moitas familias deixasen o inmoble por medo”.
Seguidamente acreditou que é “entendible” este abandono pola “inestabilidade e porque a incerteza é moi grande dado que seguen con avarías en zonas comúns sen arranxar e non hai limpeza“. “É unha situación deficiente e preocupa de face ao futuro”, sinalou o portavoz nacionalista.
Aínda que polo momento está descartado o “desafiuzamento”, insistiu que “non se ten claro en que condicións se poidan quedar” esas 3 familias que permanecen no inmoble e pregúntase “quen levará o mantemento das zonas comúns do edificio”.
“Se as condicións non son de habitabilidade normal, é unha saída en falso”, censurou Efrén Castro, quen apelou a que “máis aló deste problema en Burela, a Xunta ten que porse a negociar co Estado que vai facer con todos os inmobles da Sareb en Galicia“.
“E o que pedimos é que se faga cargo deles e poña a disposición unha bolsa de aluguer social para que persoas desfavorecidas poidan acceder a unha vivenda de forma digna e non pasar polo calvario polo que pasaron os que estaban a vivir nese edificio de Burela”, remarcou.