O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, advertiu este luns que “a realidade, por moi incómoda que lle resulte a quen lle resulte, é que Alcoa non se foi da Mariña ou de Galicia, senón que se vai de España“, un paso que atribuíu á “mala planificación e irresponsable política enerxética” do Goberno.
Durante o seu discurso na clausura do Congreso do PP de Burela, lamentou que o PSdeG “aceptase o apagado das cubas de Alcoa” mentres o BNG “seguiu apoiando fielmente ao Goberno de Pedro Sánchez, que traballou incansablemente para pechar a factoría de aluminio de San Cibrao”.
En fronte, situou ao PP como “o único partido que defendeu aos traballadores da comarca” na procura de solucións “a un problema que crearon outros”. Na súa intervención no conclave estivo acompañado pola presidenta provincial do PP, Elena Candia, e polo candidato á Presidencia, Manuel Rouco. O xefe de filas do PP galego remarcou a necesidade de pór a punto a organización de face ás municipais.