InicioCentralBurelaCentro de Educación Medioambiental Gaia, Burela: "Os nenos saben reciclar perfectamente"

Centro de Educación Medioambiental Gaia, Burela: “Os nenos saben reciclar perfectamente”

Begoña Romo e María José Cao son dúas monitoras de educación ambiental. A súa tarefa é explicarlles aos máis pequenos de Burela como se usan as bolsas e contedores de reciclaxe, onde ten que ir cada cousa e sempre dunha maneira capaz de entretelos e formalos a un tempo. Tamén sacan os nenos dos centros para que vexan como traballan os empregados de limpeza e como se realiza a recollida.

Publicada o

- Advertisement -

-Como nace este proxecto, Gaia, para aprenderlles a reciclar aos máis pequenos?

Begoña- Gaia é unha aula de educación ambiental, nela estamos dúas persoas que traballamos para o Concello de Burela, en concreto á área de medioambiente. Con esta actividade levamos varios anos e o noso cometido é realizar talleres medioambientais durante todo o ano. Durante o curso escolar impartimos as nosas actividades nos CEIS, CIFs, asociacións ou colectivos en concreto e así estamos todo o ano materializando diferentes campañas e campañas. Aos colexios enviámoslles a comezo de curso unha programación con diferentes actividades e eles escollen que facer dentro da nosa programación. Se un ano queren traballar unha actividade concreta, programamos iso que nos piden. E logo imos polos colexios para realizar cos pequenos actividades de educación ambiental.

-Percibides que pais e nais responden de maneira positiva ao que aprenden os nenos e nenas sobre a reciclaxe?

B- Nós pensamos que si, sobre todo porque aquí en Burela xa nos coñecemos todos, así despois de facermos as actividades cos nenos os pais xa nos din “os nenos xa nos están aprendendo a reciclar, a usar as bolsas”, porque os nenos sempre contan as cousas como as ven. E si hai resultados, en moitas casas teñen mínimo tres contedores para separar vidro, cartón e plástico.

María José-Os nenos saben reciclar perfectamente, mais ás veces confundíanse, como cando no contedor de papel botaban o papel de limpar as mans. Iso fano porque son nenos moi pequenos e non saben diferenciar. Por iso debemos seguirlles aprendendo, insistindo e a semana que vén iremos á aula mirar de que o estean facendo ben. Aprendémoslles a que o fagan correctamente.

B.-Na reciclaxe do vidro non hai problemas, mais o do papel e cartón sempre hai erros que comete todo o mundo. Os panos de papel non poden ir no contedor azul porque teñen restos orgánicos, un erro moi común. Logo co contedor amarelo teñen outro fallo, o contedor amarelo asóciano a plásticos cando en realidade é para envases. Facerlles entender que é un envase non é tan doado, por iso comezamos desde moi pequenos. Nas súas casas creo que xa o van facendo, ao mellor non tan ben, mais si van facendo.

Aos colexios enviámoslles a comezo de curso unha programación con diferentes actividades e eles escollen que facer dentro da nosa programación

-Unha pregunta, os briks en que contedor van?

MJ-No amarelo, envases, latas e plásticos. Estes días que lles estamos aprendendo levámoslles os envases baleiros, de todo tipo. Para que? Para que o fagan da maneira máis real. Non se trata de dar unha charla é mostrar como se usa unha bolsa negra, onde botar os envases e por que se deben botar aí.

B-Así é como lles aprendemos que latas, envases de plástico e briks no amarelo. Pensa que os briks teñen aluminio e plástico mais o principal material é o cartón. Todo canto vai no amarelo vai para SOGAMA, fan unha clasificación, por unha banda van as latas, por outro os briks e por outro os envases e mesmo dentro dos envases fan outra selección dependendo do tipo de plástico.

-Sendo Burela un concello de dimensións pequenas, é doado reciclar?

B-En xeral si, mais pode ser que por falta de espazo no fogar, pois deberas ter tres contedores mínimo, ou porque pensan que lles vai levar máis tempo do realmente necesario, mais non leva tepo de máis. Moitas veces tampouco se fai separación por falta de vontade. As persoas de mediana idade meten todo no mesmo contedor e logo dinche “é que o vin facer así”, a resposta é “se o viches é porque alguén non fixo ben o seu traballo”.

Os nenos saben reciclar perfectamente, mais ás veces confundíanse, como cando no contedor de papel botaban o papel de limpar as mans

-Tedes levado aos menores cos traballadores da recollida para que vexan como é o seu traballo?

MJ-Cando organizamos actividades fóra da aula, si que os baixamos á praia para veren o camión cos traballadores. Mesmo agora na programación temos pensado levalos co equipo de limpeza para que vexan como se varre, sacar chicles pegados ou as cabichas. Xa non só é ver como se limpa senón limpar o que manchamos. Ademais, tamén os levamos ao punto limpo.

B-Tamén temos ido a SOGAMA polo menos dúas veces para que vexan como se trata o lixo, para veren que non todo vai para o mesmo sitio. Así ven a importancia de separar ben os residuos e facilitar así o traballo dos operarios, pois canto máis se introduce na bolsa negra de restos, máis se complica o proceso.

-Explicades aos nenos e nenas a importancia do traballo realizado polos homes e mulleres do servizo de recollida?

B-Hai estudos indicando isto, cada español crea un quilogramo de lixo por día. Intentamos facerlles ver o que é iso só cos habitantes de Burela, a cantidade de lixo xerado todos os días. Tamén lles dicimos que antes ía todo a un vertedoiro, se lles gustaría ver alí máis de dez mil quilos de lixo cada día. Non hai concello nin sistema capaz de asumir esa cantidade de residuos. Por iso explicamos, ademais da necesidade de manter limpo o planeta e coidar a natureza, que xeramos postos de traballo, aforramos enerxía, aforramos auga e creamos novos empregos, dicíndolles que coas botellas de plástico que tiran ao lixo hai persoas que logo crean tubos ou impermeables. Cando alguén tira algo no contedor que non é, iso é un “impropio”, cantos máis impropios máis difícil é a reciclaxe.

temos pensado levalos co equipo de limpeza para que vexan como se varre, sacar chicles pegados ou as cabichas

-Explicades entón que non se debe romper unha cadea de reciclaxe para que non afecte ao medioambiente.

B-Hai pouco fixemos un taller: “O chan e o inodoro non son papeleiras”. Aí explicamos a importancia dos panos húmidos, tan de moda agora, como pode ser un problema medioambiental e económico. Poñémoslles vídeos para ver as implicacións que ten. Cando o explicas os nenos aplícano, logo hai quen o fai por descoñecemento.

-Como foron os primeiros tempos do Centro de Educación Medioambiental en Burela?

B-Cando comezamos non pertenciamos a Gaia. Desde hai vinte anos si. Agora somos dúas monitoras persoal fixo do Concello a xornada completa con este labor. Antes eran persoal contratado puntualmente.

MJ-Eran contratacións puntuais mediante subvencións. Evidentemente agora temos moita máis programación, charlas ou rutas. Daquela centrábanse en cousas máis simples, así en tres meses facían un número determinado de actividades. Nós facemos o traballo durante todo o ano, non só con menores senón coa poboación en xeral. Tamén informamos sobre o número de contacto para o punto limpo, mesmo con autocolantes pegados nos contedores con ese número.

Explicamos a importancia dos panos húmidos, tan de moda agora, como pode ser un problema medioambiental e económico

-As campañas que organizades deben ser atractivas para non facelas repetitivas.

MJ-É a base de moita imaxinación. Este ano como novidade fixemos unha obra de teatro onde sacabamos as magas da reciclaxe. Buscamos que entre os máis pequenos, disfrazadas neste caso cun sombreiro grande de onde saían todos os embases. O tema é o mesmo mais estamos innovando continuamente.

B-E non só traballamos a reciclaxe senón tamén o consumo de auga, o consumo enerxético, bosques, coidado da natureza, as praias o uso sustentable dos recuros e falamos sobre os incendios. Hai moitos temas e na programación non ofrecemos a mesma programación cada ano. Fixemos unha actividade en infantil, “O son dos bosques” que non se repetirá até que todos eses nenos deixen de estar nese ciclo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...