A Concellería de Servizos Sociais e Mar do Concello de Burela presenta o Programa Burela Inclusiva, actividade pertencente ao proxecto BurelaIN. Este proxecto ten o obxectivo de recuperar e valorizar residuos e recursos derivados do mar e das actividades marítimo pesqueiras, a través da participación de entidades de inclusión social, o sector pesqueiro e a administración local. O proxecto consiste na dinamización das entidades, e para iso realízanse unha serie de actividades que pretenden fomentar a economía circular vinculada á actividade marítimo pesqueira.
Durante o ano 2021 realizáronse a posta en marcha de obradoiros de innovación de produtos nos centros de inclusión, para a elaboración de diferentes elementos artesanais, empregando redes reutilizadas ou retrincos de redes, contando co apoio das redeiras da vila, e por outro, realizáronse accións de sensibilización ambiental. Estas actividades fomentaron a colaboración e a formación dunha rede de persoas e entidades que conforman o proxecto Burela IN.
No ano 2022, está prevista a elaboración dunha obra de arte para a decoración dun muro na vila burelense, na que estas entidades colaborarán activamente na súa execución. A obra artística gañadora será seleccionada mediante este concurso. Para mais información sobre as actividades ao abeiro do proxecto BurelaIN, pode consultarse a actividade en redes sociais baixo o hashtag #BurelaIN. Este concurso encádrase na elaboración dunha obra artística, para a posta en valor e decoración dun muro no porto de Burela, e presenta as seguintes bases:
CAPÍTULO 1 – AS PERSOAS PARTICIPANTES
PRIMEIRA
Ao concurso poderá presentarse calquera persoa ou colectivo formado por persoas que superen a maioría de idade. Cada persoa ou colectivo poderá presentar un máximo de tres propostas.
CAPÍTULO 2 – REQUISITOS DAS OBRAS
SEGUNDA
A obra presentada simbolizará a conexión da vila coa actividade mariñeira. Para manter coherencia co espazo no que se situará a obra, nas propostas presentadas deben aparecer elementos relacionados coa actividade conserveira, coa pesca ou especies (bonito ou túnidos, por ser os mais significativos), artes de pesca, embarcacións, paisaxe mariñeira, profesionais da pesca…ou calquera outro elemento que faga referencia á identidade mariñeira da vila.
Será preciso contemplar na obra presentada o uso de redes de pesca e nasas como elemento artístico (redes en desuso ou redes recollidas do mar, que serán reutilizadas). Asi mesmo, empregarase material da antiga fábrica Gres Burela. Para coñecer ambos materiais e contemplar in situ o muro que servirá de soporte para realizar a obra, prográmase unha xornada o día 22 de febreiro ás 10h, dunha duración aproximada de 1,5h, na que os e as artistas poderán coñecer as posibilidades coas que contan. De non poder asistir á xornada, pode poñerse en contacto coa organización, e facilitaráselle información a través de imaxes e vídeos.
TERCEIRA
O espazo onde se realizará a obra gañadora é un muro cedido pola Confraría de pescadores de Burela ao Concello de Burela para realizar esta actividade. O muro pertencía a unha antiga fábrica de conservas.
As medidas do muro son aproximadamente de 40 x 4,5 m². A obra artística poderá abarcar o espazo que o/a artista considere, dentro deste límite. A ubicación do muro sitúase na Rúa do Berbés, esquina con Rúa Eijo Garay.
CUARTA
A técnica será libre, adaptándose en todo momento ás bases deste concurso. Cada participante comprométese a realizar a obra no tempo estimado e de acordo a estas bases.
CUARTA
A realización da obra gañadora contará co apoio e colaboración das redeiras de Burela en tarefas relacionadas coa costura e unión de panos de redes e outras tarefas; tamén contarán co apoio das entidades que forman parte do proxecto Burela – IN. A dirección e a execución da obra será responsabilidade do/da artista cuxa obra sexa seleccionada, contando co estreito apoio e coordinación co Concello de Burela.
CAPÍTULO 3 – INSCRICIÓN E PARTICIPACIÓN NO CONCURSO
QUINTA
As propostas enviaranse ao enderezo electrónico burelain@burela.org , xunto cos seguintes datos:
a. Datos da persoa participante ou colectivo.
b. Copia do DNI de cada integrante que traballe na proposta.
c. Teléfono e correo electrónico da persoa responsable da obra.
d. Título da obra.
e. Certificado de número de conta bancaria no que realizar o ingreso no caso de resultar a obra
escollida.
f. Proxecto da proposta ou propostas
Boceto
Listaxe de materias cun orzamento aproximado
Listaxe de recursos necesarios para a execución da obra artística (andamio, auga…)
Tempo de execución
Outra información relevante para aportar á organización
As obras poderán enviarse desde o día seguinte á publicación de estas bases, ao enderezo electrónico burelain@burela.org . A data límite de entrega das propostas será un mes despois da publicación das bases, o día 13 de marzo de 2022.
SEXTA
A proposta seleccionada comunicarase nun prazo máximo de 10 días dende a finalización do concurso. A comunicación realizarase a través do correo electrónico e teléfono proporcionados pola persoa ou colectivo artístico.
SÉTIMA
O prazo para executar a obra será de aproximadamente 20 días, sendo a data límite o día 22 de xuño. As obras de acondicionamento do muro realizaranse tendo en conta as propostas da obra artística seleccionada.
A dirección da obra artística coordinarase entre a/o artista, as entidades que participan no proxecto Burela – IN e o Concello de Burela, que se encargará das funcións de coordinación entre as persoas implicadas.
OITAVA
O xurado estará composto polas entidades implicadas no proxecto Burela – IN, nomeadamente o Concello de Burela, a Federación provincial de Confrarías de Pescadores, a Asociación de redeiras Cabo Burela, a Fundación Eu Son, a Asociación saúde mental da Mariña, a AFAN (Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer), a Fundación Expomar, a Asociación A Mariña sen Plástico, o CENTRAD da Deputación de Lugo, a Asociación de xubilados do mar A Moncloa e a Asociación Tá en Artes.
NOVENA
As obras serán analizadas seguindo uns criterios de avaliación predefinidos, sobre os que establecer unha puntuación obxectiva ás obras presentadas, establecendo un ránkin de valoración das propostas. A proposta con maior puntuación nos criterios será a seleccionada.
Criterios de selección:
A. A proposta é presentada por un ou unha artista ou colectivo local, censada na comarca da Mariña Lucense.
B. A proposta é presentada en colaboración cun artista ou colectivo censado na comarca da Mariña Lucense.
C. A proposta define como integrará a obra artística tendo en conta o acondicionamento do muro.
D. A proposta concreta e define o uso dos materiais reutilizados (redes, gres).
E. A proposta describe como terá en conta ás entidades de inclusión social e ás redeiras na elaboración da obra artística.
F. A proposta ten en conta no boceto presentado elementos que fan referencia á identidade mariñeira da vila.
Para evitar o conflito de intereses, as persoas que formen parte do xurado asinarán unha declaración na que indicarán non ter vinculación persoal, familiar ou profesional coa persoa que asina a autoría das obras presentadas. De darse este caso, as persoas que incorran en conflito de interese non terán dereito a aplicar os criterios de selección a esa obra, e abandonarán a sala no momento en que se analice esa obra.
DÉCIMA
As persoas participantes no certame quedan informadas e autorizan que os datos persoais facilitados ao inscribirse no concurso, sen cuxa facilitación non se poderá participar no mesmo, incorporaranse a un ficheiro automatizado, titularidade do Concello de Burela e serán tratados coa finalidade de desenvolver a súa participación no concurso.
Ante o non cumprimento das bases, o Concello de Burela queda facultado para rexeitar as obras das persoas participantes por non cumprir cos requisitos de participación.
DÉCIMO PRIMEIRA
A organización outorgará a obra gañadora os materiais precisos para o seu desenvolvemento (redes, nasas, gres, e outros materiais).
DÉCIMO SEGUNDA
A persoa cuxa obra sexa seleccionada como gañadora recibirá un premio de 3.000€. O premio estará suxeito á retención do IRPF que establece a lexislación vixente. O premio non poderá ser acumulativo, nin reembolsable nin intercambiable. O premio é único, independentemente do número de autores e autoras da obra. O premio pode quedar deserto se o xurado así o decide. O fallo do xurado será inapelable.
CAPÍTULO 4 – CUESTIÓNS XERAIS
DÉCIMO TERCEIRA
A Organización do concurso resérvase o dereito de excluír todas aquelas obras cuxo contido sexa obsceno, violento, sexista, racista, homófobo ou vulnere algún dereito fundamental das persoas.
DÉCIMO CUARTA
Coa presentación do borrador os/as participantes garanten que non achegarán materiais que supoñan vulneración algunha dos dereitos de propiedade intelectual ou industrial de terceiros, polo que liberan absolutamente ao Concello de Burela de toda responsabilidade derivada de calquera incumprimento de calquera norma ou infracción de dereitos de terceiros por parte dos/as participantes, asumindo estes/as a obriga de manter ao Concello de Burela libre de toda responsabilidade no devandito caso.
As persoas que participen no concurso responsabilízanse de que non existan dereitos a terceiros, nin reclamación algunha por dereitos de imaxe das persoas que aparezan nelas, así como de que as obras presentadas non estean sometidas a reclamación legal algunha e se atopen dentro do establecido pola lei de propiedade intelectual, eximindo ao Concello de Burela de calquera tipo de responsabilidade.
DÉCIMO QUINTA
As/os participantes ceden ao Concello de Burela os dereitos de explotación da obra elixida incluíndo os dereitos de uso, difusión, distribución, exhibición, comunicación pública, divulgación e reprodución por Internet ou calquera outro medio audiovisual, mostra ou exhibición da obra. Dita cesión realízase de forma gratuíta e non exclusiva, a nivel mundial.
O Concello de Burela, así mesmo, resérvase o dereito de utilizar a obra seleccionada con fins promocionais e/ou de difusión, os cales se exercitarán sempre co recoñecemento da súa condición de autoría, excepto manifestación en contra.
DÉCIMO SEXTA
Calquera eventualidade imprevista xurdida en relación co desenvolvemento do “Concurso Burela Inclusiva” e non contemplada de forma expresa nestas bases será resolta de acordo co criterio da organización.
DÉCIMO SÉTIMA
A participación neste Concurso supón a aceptación plena das súas bases. De ter calquera dúbida, pode contactar co teléfono 627 096 062 ou no correo electrónico burelain@burela.org