InicioCentralBurelaO Concello de Burela reclamou prazas concertadas para o centro de día...

O Concello de Burela reclamou prazas concertadas para o centro de día da Fundación Eu Son

A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, manifestou que “estes dous últimos anos en concreto, e como consecuencia da situación sanitaria, na que o centro ao non ter este tipo de prazas, se viu excluído de calquera tipo de axuda".

Publicada o

- Advertisement -

A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, e a directora da Fundación Eu Son, Noelia Eijo, mantiveron esta mañá un encontro en San Caetano co director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, ao que lle reclamaron a creación de prazas concertadas para o centro de día da devandita Fundación.

A concelleira de Servizos Sociais explicou que “o que quixemos foi amosarlle a nosa preocupación e inquedanza, porque xa son dez anos nos que o centro de día da Fundación Eu Son non conta coas tan necesarias prazas concertadas para que este sexa sostible economicamente”.

Carmela López manifestou que “estes dous últimos anos en concreto, e como consecuencia da situación sanitaria, na que o centro ao non ter este tipo de prazas, se viu excluído de calquera tipo de axuda. É o centro ocupacional o que o mantén en funcionamento”.

A concelleira de Servizos Sociais dixo que “despois de varias solicitudes e reunións nestes últimos dous anos o balance que podemos facer do encontro é positivo. A xuntanza foi cordial, o que agardamos é que se teñan en conta as necesidades tan importantes que ten a Fundación Eu Son para prestar o mellor servizo posible aos seus usuarios e usuarias”.

López engadiu que “o director xeral valora o labor da Fundación Eu Son estes anos e comparte as necesidades e as dificultades que este centro ten hoxe en día para sosterse economicamente. Por iso mostrou interese ante a reiterada petición por parte desta concelleira e da directora da Fundación Eu Son”.

A edil indicou que “tamén lle trasladamos ao director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade a firme intención do Concello de crear en Burela unha residencia para persoas con discapacidade intelectual, seguindo o novo modelo residencial, xa que o consideramos vital para que os usuarios da comarca poidan manter unha calidade de vida digna sen desarraigarse da súa contorna. Fernando González facilitounos información e os pasos a seguir de cara a solicitar as subvencións necesarias para levala a cabo”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...