InicioCentralBurelaTres estudantes de Burela participan na primeira fase das Becas Europa Santander

Tres estudantes de Burela participan na primeira fase das Becas Europa Santander

Eles son Antón, Laura e Lin, tres estudantes do IES Perdouro que van participar nas fases de selección para as bolsas Europa Santander. Reservadas para o alumnado coa mellor nota media da ESO, os tres mozos bureleses cumpren con este requerimento e así, o seu instituto os convidou a tentar pasar as primeiras fases de cara a obtención da bolsa para viaxar por Europa.

Publicada o

- Advertisement -

A dirección do IES Perdouro de Burela chamou a Antón Expósito, Laura Rodríguez e Lin Vizoso a unha reunión. A directora, María José Pardiñas, xunto co xefe de Estudos, Antonio Galdo, presentáronlles as Becas Europa Grupo Santander organizadas polo grupo bancario e a Universidade Francisco de Vitoria. Se superan as probas, no verán de 2023 estarán viaxando por diferentes países europeos coñecendo outras culturas, outras persoas e outros lugares diferentes. Aínda que o obxectivo final queda lonxe, os tres recibiron o apoio das familias para, polo menos, intentalo.

ESCOLLER SÓ UNS POUCOS

“A directora chamou por nós para que fosemos ao seu despacho” di Lin Vizoso. “Alí explicounos que como tiñamos unha nota media moi boa poderiamos participar na selección da Beca Europa Santander”. Durante a reunión co equipo directivo do IES, “fóronnos dando a información sobre estas bolsas e que finalmente poderían ser 3.000 alumnos de toda España para quedaren finalmente só 50” di Laura Rodríguez. “Para facer as primeiras fases xuntámonos no instituto para resolvelas online” di Antón. “Na primeira fase hai un test psicotécnico, proba de inglés, preguntas abertas e logo encher un formulario”.

A segunda fase consistirá “na creación dun vídeo sobre un tema que nos propoñan” remarca Antón. A pesar de que pode ser un reto, “hai que intentalo porque é unha oportunidade para poder facer unha viaxe, aprender cousas e coñecer persoas doutros lugares” sinala Lin. “Seguramente nos axude a escoller os estudos de grao e se cadra, mesmo podes elixir unha universidade de fóra para facelo” di Laura.

OBXECTIVOS

Non nos dixeron os lugares exactos por onde transcorrerá a viaxe e certamente, faríame moita ilusión que foramos os tres” di Lin. “En tal caso, se vou á universidade quedaría en Galicia porque me gusta estar ao pé da casa” remata. No suposto de poderen realizar en 2023 o percorrido europeo, teñen obxectivos fixos ante esta expectativa? “Eu quero pasalo ben, gozar da viaxe porque é como unha recompensa ao traballo que fixen” sinala Laura. “O meu obxectivo é coñecer museos, espazos con moita arte porque sempre me gustou, ademais tamén practicaría idiomas” recoñece Antón.

Outro punto é a familia, a opinión que teñan os pais e as nais ante unha posibilidade así. Os tres coinciden en que nas súas casas os animaron a intentalo, é unha oportunidade aberta e deberan aproveitala. “E se non o conseguimos tampouco pasa nada” di Laura, quen ten decidido Austria como o país onde, polo menos, lle gustaría facer un Erasmus. Pola súa parte Antón pensa en Italia e Lin ao mellor Portugal.

Polo de agora os tres están rematando a primeira fase das diferentes probas que teñen por diante. Soñan, de momento, con materializar os seus desexos, mais, quen sabe?, todas as posibilidades están abertas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...