A Plataforma Sanitaria da Mariña denunciou este venres “esperas excesivas” para varios servizos no Hospital da Costa, en Burela, concretamente nas especialidades de uroloxía, traumatoloxía e en ecografías. A portavoz da plataforma, Montse Porteiro, deu conta das queixas que recibiron esta semana, e constatou como “en uroloxía un paciente leva dous anos esperando para atención hospitalaria”.
Ademais, advertiu de que “hai pacientes de traumatoloxía con esperas de entre dez e catorce meses, e tamén hai xente que está a esperar ata dous anos para unha simple ecografía”. “É lamentable”, subliñou. “Eses son os servizos máis significativos en canto ás queixas que nos trasladan, pero isto non quere dicir que doutras especialidades non existan os mesmos tempos de espera, que sabemos que existen”, engadiu.
Novamente, a Plataforma Sanitaria da Mariña puxo de manifesto a situación de “sobresaturación” que se vive nas urxencias do Hospital da Costa, algo do que, aseguran, “quéixase o propio persoal” do centro hospitalario. “Nós seguimos mantendo que segue sobresaturada (urxencias), de feito o propio persoal dio. Ademais, cando a primaria non dá atendido, a xente ten que buscar un lugar onde os vexan e acode ao seguinte nivel (hospitalario). E logo hai xente que pode permitirse pagar un médico privado, pero hai outra xente que non”, protestou.