O alumnado de 5º de Primaria do Ceip Virxe do Carme realizou unha semente coa axuda das monitoras do Centro Gaia do Concello de Burela.
Nas últimas horas sementaron cabazas, pementos, brócoli e xirasoles que posteriormente transplantarán nunha pequena horta que o centro ten nos xardíns. As monitoras explicaron a procedencia das sementes, a época en que se deben plantar, os coidados en canto ao seu crecemento e a frecuencia coa que se debe regar.
A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, subliña que “hai que ter en conta que esta actividade é moi útil á hora de que o alumnado empece a adquirir responsabilidade desde pequeno en canto ao coidado do medio ambiente. Isto serviralles para que aprendan non só como se debe realizar o cultivo en cuestión, senón como deben coidalo para que medren os froitos”.