InicioCentralBurelaO Consello da Cultura Galega amosa a realidade do galego na escola...

O Consello da Cultura Galega amosa a realidade do galego na escola no proxecto ‘Aquí medra a lingua’

'Aquí medra a lingua' é un proxecto deseñado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación que coordina Carme Garcia Mateo, que busca amosar que as escolas son un cómplice indispensable na lingua galega e da súa transmisión.

Publicada o

- Advertisement -

‘Aquí medra a lingua’ é o título da última aposta do Consello da Cultura Galega (CCG) na que propón un percorrido audiovisual por seis centros de diferentes contextos da xeografía galega para dar a coñecer os proxectos dos seus Equipos de Dinamización Lingüística. O resultado son seis pezas breves máis un documental no que participaron preto de cincuenta persoas entre alumnado, docentes, familia e comunidade. O primeiro deses traballos presentouse hoxe no IES Perdouro nunha xornada de convivencia na que participou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a directora do centro, María José Pardiñas; a xefa de normalización lingüística do IES, Natalia Irimia; a realizadora dos audiovisuais, Cristina de la Torre, xunto co alumnado do centro. Na sesión proxectouse o primeiro dos capítulos, O modelo Burela, que xa está dispoñible no web do Consello da Cultura Galega (CCG).

“O esforzo que facedes vós de vir ata aquí a presentar o proxecto é para nós un estímulo para seguir camiñando” asegurou Natalia Irimia na xornada de presentación do proxecto ‘Aquí medra a lingua’. “O Modelo Burela é tamén dedicación, é esforzo, é compromiso” asegurou Cristian Gómez, alumno do centro que participou no proxecto e que asegurou que esta iniciativa lle fixo atopar a regueifa e dar un xiro de 180 graos á súa vida. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou que “este proxecto amosa seis realidades educativas e lingüísticas moi diferentes, todas elas moi positivas e a base do compromiso, creatividade e vontade de sumar esforzos das diferentes persoas”. Engadiu que “no espello do modelo Burela pódense ver outros galegos, é imitable noutros lugares de Galicia, ao mellor non no conxunto, pero si en parte”.

BURELA PUNTO DE INICIO

O Modelo Burela é o título do primeiro dos capítulos nos que está estruturado ‘Aquí medra a lingua’. Nel explícase un proxecto que arrincou no Instituto de Ensino Secundario de Burela en 2004, como unha intervención educativa destinada á transformación dos usos lingüísticos habituais tanto na comunidade escolar como no seu ambiente social máis inmediato. O proxecto tivo un intenso traballo de campo que chegou a ter unha orientación máis ampla que trascendeu as paredes do centro, chegando a ter a responsabilidade de coordinar a redacción do Modelo Burela de Planificación Lingüística. A iniciativa acadou entre 2008 e 2011 o seu periodo de maior intensidade. No documental tamén se fala dun das súas initiciativas estrela, o programa de Radio Neo, resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do instituto. “Co Proxecto Neo ensinamos Lingua, Literatura e Cultura dun xeito moi práctico; coñecemos experiencias de aprendizaxes de segundas e terceiras linguas; ofrecemos modelos de incorporación de neofalantes; e facilitamos a participación de mozos e mozas en risco de exclusión social” explica Bernardo Penabade, xunto con Miruca Parga son as cabezas visibles deste proxecto, e unha referencia habitual no ámbito da dinamización lingüística escolar en Galicia.

Unha revista, campañas para o uso do galego no comercio, recollida de documentos familiares e son moitas as actividades desenvolvidas desde este centro que propoñen tamén mellorar o acceso ao financiamento destas actividades.

O PROXECTO

‘Aquí medra a lingua’ é un proxecto deseñado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación que coordina Carme Garcia Mateo, que busca amosar que as escolas son un cómplice indispensable na lingua galega e da súa transmisión. As diferentes iniciativas están contadas polos seus propios protagonistas que ofrecen un relato fiel dos proxectos que se están a desenvolver en diferentes centros de toda Galicia. Esta viaxe audiovisual, dirixida pola valdeorresa Cristina de la Torre, está estruturada en seis capítulos que arrincan hoxe O modelo Burela, e que se irán subindo semanalente xunto cunha ficha descritiva de cada centro a un especial do web do Consello da Cultura Galega.

Continúa o 28 de marzo co episodio titulado Reforzar o propio do CPI Virxe da Saleta, e logo seguirán no IES Félix Muriel de Rianxo (4 de abril), no CEIP Barouta de Ames (11 de abril) e no CRA Nosa Señora de Ponteceso (18 de abril) para rematar o 25 de abril no CEIP Barouta de Moaña. Son seis centros que están espallados por toda a xeografía galega, que amosan as diferentes accións de cada centro en prol da lingua, coas dificultades e vantaxes de cada caso. Ao remate, todas esas visións xuntaranse nun documental único que condensa todo o material e que ofrece unha visión realista sobre o galego na escola.

A REALIZADORA

Cristina de la Torre (1977, A Rúa-Ourense) é licenciada en Historia, con Máster en Medios de Comunicación. Ten traballado en prensa escrita, radio e televisión como xornalista. Dende hai uns anos dedícase á consultoría de comunicación e a produción audiovisual. No 2007 dirixiu o seu primeiro documental Apartado 12, e no 2016 estreou Santoalla, documental do que é produtora. Realiza contidos corporativos e proxectos audiovisuais con centros educativos como A lus do Mundo. No 2014 comisariou a exposición Unha ínsua para Díaz Castro, na Deputación de Lugo, e desde o 2017 realiza proxectos de dinamización cultural como Pantasmas de Oza, Manuel Jorge, un pintor libre, Vidas Mariñeiras ou Valdeorras Infinda. O ano pasado xa colaborou co CCG coa realización da curtametraxe documental Falan Elas. Tres xeracións de mulleres trans de Galicia.

SECCIÓN DE LINGUA LITERATURA E COMUNICACIÓN

Aquí medra a lingua é unha actividade proposta pola Sección de Lingua, Literatura e comunicación do Consello da Cultura Galega. Unha área coordinada por Carme García Mateo e que ten entre os seus membros a Elisa Fernández Rei, Víctor Freixanes, Henrique Monteagudo, Eva Sánchez, Nel Vidal, Renée de Palma, Burghard Balstrusch, Carlos Pereiro e Pablo Romero.

Ligazons relacionadas

http://consellodacultura.gal/especiais/aqui-medra-a-lingua/index.php

ÚLTIMAS

Dous cabalos invaden a A-8 en Lourenzá

Ás 9.05 horas deste sábado á altura do quilómetro 536 da A-8, no municipio...

Melloras no edificio dos armadores do porto de San Cibrao para facilitar as súas condicións de traballo

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, remarcou o futuro acondicionamento do edificio dos locais dos armadores no...

Colapsa unha parede do cemiterio de Barreiros deixando féretros e algunha caveira á vista

Veciños do municipio de Barreiros avisaron este venres do derrube dunha parede do cemiterio...

Sete persoas intoxicadas por monóxido de carbono nunha vivenda en Foz

Un total de sete persoas, das cales dúas son menores de idade, necesitaron asistencia...