O Grupo de Participación Xuvenil de Burela avanza co Concello sobre as liñas de actuación para 2022

Desde o grupo de participación tamén fixeron un plan para a súa “Casa da Xuventude ideal” dándolle un maior aproveitamento, con novos xogos como o billar ou máis enchufes, no seu caso.


A sala de plenos da Casa do Concello de Burela acolleu unha nova xuntanza do grupo de participación xuvenil co equipo de goberno de Burela e os técnicos municipais co fin de debullar e trazas as liñas de actuación para os vindeiros meses.

Nun espazo aberto ás propostas e o debate, ao que asistiu o alcalde de Burela, Alfredo Llano, tanto persoal municipal como político estableceron unha conversa coas representantes do grupo de participación escoitando as súas propostas, demandas e necesidades.

As propostas do grupo xiraron entorno a cinco aspectos fundamentais: deportes, obradoiros, igualdade, espazos públicos e grupo de participación, con ideas que foron desde realizar zumba na praia, incluír 3×3 de fútbol, promover obradoiros de prevención de drogas ou formación de educadores, ata realizar iniciativas feministas na rúa, obradoiros de novas masculinidades ou incrementar o mantemento e coidado dalgúns espazos. A propia dinámica do grupo de participación tamén ocupou un oco na conversa, propoñendo a formación doutro grupo para nenas e nenos de primaria, aumentando a participación e a frecuencia dos encontros.

Todas as iniciativas trasladadas nas últimas semanas polos servizos municipais a este grupo de traballo tamén se puxeron sobre a mesa, obtendo a meirande parte o seu apoio e priorizando as actuacións que consideran de máis interese, incidindo por exemplo na protección da infancia, o fomento da autonomía e do pensamento crítico, a protección do medio ambiente coa limpeza das praias, ou a Festa sen alcohol, unha idea que pretende amosar unha realidade fóra do consumo de bebidas alcohólicas como punto esencial do lecer de calidade.

Desde o grupo de participación tamén fixeron un plan para a súa “Casa da Xuventude ideal” dándolle un maior aproveitamento, con novos xogos como o billar ou máis enchufes, no seu caso.

Tanto os edís como o persoal técnico puxeron en común todas as ideas e comprometéronse a estudalas, “sabendo que algunhas delas son de fácil aplicación e outras requiren de máis tempo”, explicou a concelleira de Servizos Sociais, Carmela López. Así, engadiu a satisfacción do equipo de goberno “con toda a implicación tanto dos traballadores e traballadoras do concello como das rapazas e rapaces, que están a traballar moito neste proxecto participativo, permitíndonos enfocar as políticas municipais en base ás necesidades da poboación infantil e xuvenil”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here