A área de Cultura do Concello de Burela anuncia unha nova convocatoria do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2022 convocado pola Biblioteca Pública Municipal na súa fase local.
Segundo as bases publicadas, poderán participar todas as nenas e nenos que o desexen con narracións e debuxos. No caso das narracións, serán en galego cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara sobre o tema “O que pasa ao meu redor”, coas seguintes indicacións: Observa o mundo. Non precisar subir nun foguete nin nun avión. Mira ao teu arredor. Que ves? Que pasa? Como te sentes? Podes contalo… o que ves, o que sentes, o que pensas é importante. É a túa visión do mundo. E para nós, é valiosa. Os debuxos estarán feito sobre cartolina, de tamaño aproximado de DIN A4, sobre o mesmo tema e indicacións que no caso das narracións.
Cada autor/a pode presentar cantos traballos desexe, mecanografados, escritos a computador ou a man; neste último caso, sempre a bolígrafo e nunca a lapis. Con cada traballo, acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor/a.
Establécense tres categorías: A, ata 8 anos, B, de 9 a 11 anos, e C, de 12 a 16 anos. O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro 10 de maio, debendo ser entregados polos seus autores ou autoras na Biblioteca Municipal.
O xurado, formado por persoas entendidas na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. O fallo do xurado local farase público antes do Día das Letras Galegas.
Os traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do Certame, convocada pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.