A clausura das Xornadas Técnicas 2022 correu a cargo da secretaria xeral de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz, que estivo acompañada do presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; e Narciso González en representación da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.
A secretaria xeral de Pesca, Alicia Villauriz defendeu durante o acto de clausura o proxecto de lei de Pesca Sostible, unha proposta “de todos e para todos” que “incorpora o principio de sustentabilidade, abarcando de modo equilibrado os seus tres compoñentes: os recursos pesqueiros, a cohesión social e o emprego, e a rendibilidade económica”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, defendeu a pesca como actividade estratéxica e esencial e solicitou “un plan industrial para A Mariña e a provincia de Lugo, que aproveite as nosas materias primas de primeira calidade e as grandes potencialidades que teñen sectores como a pesca, o leite, a carne ou a madeira, ademais de zonas e paisaxes moi variadas, desde a costa ata a Ribeira Sacra”.
Previamente celebrouse a segunda xornada “Sustentabilidade, saúde e comportamentos de compra”, na que se seguiu promocionando o consumo de peixe, o coidado da saúde e a defensa dun medio sostible. Moderada pola secretaria adxunta de Cepesca, Rocío Béjar, na segunda xornada técnica participaron Cristina Cucullo, mánager da área de estudos ao consumidor de Kantar; Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela; e Guillermo Aldama, cardiólogo do CHUAC, membro da Sociedade Española de Cardioloxía e da Fundación Española do Corazón, que se conectou vía telemática.
Durante a clausuras das Xornadas Técnicas 2022, o presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, convocou xa a todos os asistentes, tanto os presentes no salón de actos da confraría de pescadores de Burela como as persoas que seguiron as xornadas a través da web www.expomar.com, á próxima edición do evento, que se celebrará en maio de 2023 coincidindo coa 19ª edición da feira náutico pesqueira Expomar.
A Fundación Expomar aposta decididamente polo mar non só coa celebración da feira bienal, as xornadas técnicas ou o encontro empresarial, senón con outra serie de accións de apoio ao sector pesqueiro. Estes últimos anos dirixíronse especialmente cara ao ámbito da saúde e o consumo de peixe, por exemplo as xornadas sobre nutrición “Come San, Come Peixe” en decembro de 2021 ou as xornadas de nutrición e saúde mental ” Mens Sa in Corpore San”, o pasado mes de abril.
As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial están promovidos pola Fundación Expomar, en colaboración coa Deputación de Lugo e a Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao, e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal.