A Plataforma Sanitaria da Mariña pide dotar de persoal a Unidade de Saúde Mental

A organización promoverá mocións nos 14 concellos mariñáns.

Imaxe dunha das mobilizacións convocadas pola plataforma sanitaria. FACEBOOK PLATAFORMA SANITARIA A MARIÑA

A portavoz da Plataforma Sanitaria da Mariña, Montse Porteiro, anunciou este venres en Burela que van promover mocións nos 14 concellos mariñáns co fin de que se emprace á Xunta de Galicia a que se dote de persoal a Unidade de Saúde Mental da comarca.

En rolda de prensa, ante o centro de saúde de Burela, Porteiro protestou porque “é un servizo falto de persoal”, despois de que un dos facultativos se atopa de baixa por paternidade e outro cambiase de destino o pasado ano.

“No caso dos psiquiatras, que son tres, xa insuficientes para unha poboación de 70.000 habitantes e moi inferior ao que se recomenda nos cocientes estatais, destes tres faltan dous, un pola baixa de paternidade e outro porque cambiou de destino”, censurou.

Ademais, psicoloxía está conformada por dúas persoas, o que ao modo de ver da plataforma sanitaria é “un número tamén moi reducido”. Outro aspecto que denunciaron é que “a unidade de axuda á drogodependencia de Burela estea subvencionada polo Concello” e pídese que “esta unidade pase a depender da Consellería de Sanidade e do Sergas”.

“En definitiva, o que se persegue é que esa unidade de axuda á drogodependencia pase a formar parte do servizo de Saúde Mental porque as drogodependencias son enfermidades mentais”, concluíu a portavoz da Plataforma Sanitaria da Mariña.

“XA ESTÁ DOTADA”

A área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte replicou este venres á plataforma sanitaria da comarca da Mariña que a Unidade de Saúde Mental de Burela “xa está dotada de persoal”, con tres prazas de Psiquiatría e dúas de Psicoloxía, ademais doutro persoal, como enfermaría, administrativo e outro.

Na actualidade, puntualiza as mesmas fontes, un dos psiquiatras está de baixa paternal e a súa praza “volverá estar cuberta unha vez se reincorpore do permiso ao que ten dereito como calquera traballador”, sinalan as mesmas fontes.

Outra das prazas de Psiquiatría está vacante e, de momento, destacan por parte da área sanitaria lucense, “non foi posible cubrila pola única e exclusiva razón de que non hai profesionais nas listas de contratación para poder cubrir dita vacante“. Con todo, aseguran que “tan pronto como haxa un profesional para poder contratar dita praza será cuberta de novo”.

Ante esta situación, aseguran que por parte do Servizo de Psiquiatría do Hospital Universitario Lucus Augusti “se presta apoio á Unidade de Saúde Mental da Mariña para poder manter e atender toda a actividade asistencial”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here