A Delegación de Turismo do Concello de Burela vén de facer balance dos datos do pasado mes de xullo destacando as 2.361 persoas que fixeron consultas na Oficina de Turismo, o que supón un incremento do 38% con respecto á anualidade anterior.
Nun comunicado suliña que participaron da Ruta da Conserveira un total de 309 persoas, e foron 527 as visitas á Lonxa. O Barco Museo “Reina del Carmen” recibiu 1.116 visitas no mes de xullo, un 23% máis que no ano 2020, non só recuperando a normalidade senón superando as expectativas do goberno local.
As rutas xeolóxicas tamén supuxeron un grande atractivo para Burela, cubrindo as prazas case ao 100%. Pola súa banda, os hoteis e pisos turísticos tamén tiveron unha ocupación practicamente do 100%, redundando positivamente na economía local e a creación de postos de traballo vinculados ao sector servizos.
O tenente de alcalde e edil delegado en materia turística, Ramiro Fernández, asegurou que “tivemos moito turismo nacional procedente de Madrid, País Vasco e Castela e León, principalmente, e tamén incrementou este ano o turismo estranxeiro”, polo que “celebramos o potencial turístico de Burela e recollemos os froitos de todo o traballo de visibilización, divulgación e información que se fai desde esta delegación”.