A oferta turística de Burela non remata despois do verán, máis visitas guiadas en setembro

Nos meses de xullo e agosto a Oficina de Turismo ofreceu información a un total de 6.197 visitantes, incrementándose respecto ao ano anterior en máis dun 60%, máis do dobre de consultas turísticas.


A delegación de Turismo do Concello de Burela informa de que continúan as visitas guiadas arredor do patrimonio mariñeiro da vila durante este mes de setembro e fai unha valoración moi positiva dos datos que deixaron os meses de xullo e agosto.

A aposta pola promoción turística nun dos portos máis importantes do Cantábrico e do país responde á necesidade de dar a coñecer e poñer en valor os oficios tradicionais e artesanais ligados ao porto. A través destas visitas que tiveron un grande éxito ao longo de todo o verán ofrécese a posibilidade a moitos dos visitantes que chegan a Burela de mergullarse nas entrañas da zona portuaria e no seu funcionamento e actividade.

Tanto é así que nos meses de xullo e agosto a Oficina de Turismo ofreceu información a un total de 6.197 visitantes, incrementándose respecto ao ano anterior en máis dun 60%, máis do dobre de consultas turísticas. Predomina o turismo nacional fronte ao estranxeiro, destacando neste último caso os de procedencia francesa. O Barco Museo rexistrou unha cifra de 3.002 visitantes, fronte aos 2.334 do ano precedente, o que supuxo un incremento do 28,63%.

Neste 2022, e despois da paréntese pola pandemia, volveuse a retomar a Ruta do Peixe, visitas guiadas para coñecer o funcionamento da lonxa e asistir á subasta de peixe, completándose en agosto todas as prazas gratuítas ofertadas, e rexistrándose 1.217 visitas entre xullo e agosto.

Como novidade, este tempada de verán, incluíuse unha actividade dentro da programación de visitas guiadas, a visita á planta de produción da conserveira artesanal “Conservas Faro de Burela”, contabilizándose 760 persoas nas visitas. Os mariñeiros da Asociación de Xubilados do Mar e Afíns rexistraron arredor de 200 visitas, e a Igrexa da Vila do Medio recibiu un total de 56 persoas.

O edil de Turismo e tenente de alcalde, Ramiro Fernández, destacou “o ano histórico do turismo en Burela tal e como recollen os datos”, poñendo en valor o traballo “ de dúas persoas que se implicaron ao cen por cen este verán: Iria e Lino”, facendo mención á técnica de turismo e ao encargado das visitas no barco boniteiro.

Fernández subliñou que “Burela está emerxendo”, unha afirmación que fai “cos datos na man, posto que nunca se ofreceron tantas actividades tanto a nivel público como privado, e iso tivo unha repercusión tremendamente positiva á hora de atraer xente á vila”. Ademais, confirmou que “seguiremos traballando para mellorar a afluencia en beneficio principalmente da hostalería, comercio e tamén pisos turísticos”. Lamentou non obstante a postura da oposición, pois “a pesar dos agoreros que fan declaracións case convidando á xente a non vir a Burela, recollemos datos históricos”, cuestionando que defendan “o canto peor mellor, en lugar de traballar polo seu municipio”. Con vistas ao futuro, desde o consistorio proxectan “manter o éxito acadado este ano e tratar de melloralo”.

A aposta turística deste verán, que continúa no mes de setembro, mostra polo tanto desde os preparativos para que os barcos emprendan rumbo á mar co traballo indispensable das Redeiras “Cabo Burela”, ata o modus vivendi dos mariñeiros a bordo dun barco, as tarefas diarias e as súas artes de pesca coas visitas á Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns e ao Barco Museo Boniteiro.

As tres propostas que continúan este mes de setembro están interrelacionadas entre si e son complementarias, de xeito que se se realiza unha visita ao Barco Museo descubrirase que cada arte de pesca emprega un tipo de rede distinta, variando o método de confección, que se mostrará e explicará cando chegue a quenda da visita ás redeiras, mulleres sen as que non sería posible que moitos pesqueiros saísen faenar.

Tamén se pode comprender o procedemento para tinguir antigamente as redes na Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns, de xeito que todas as explicacións suman nesta aprendizaxe integral.

VISITAS DISPOÑIBLES DURANTE SETEMBRO

Barco Museo Boniteiro “Reina del Carmen”:

Coñecer a vida e tarefas diarias dunha tripulación en altamar, as artes de pesca que se empregan nos portos do Cantábrico e as tecnoloxías dun barco do ano 1967.

Horario ata o 24 de setembro: De martes a domingos ás 11:00h/12:00h/13:00h/17:00h/18:00h/19:00h.

A partir do 24 de setembro o Barco pechará por descanso do persoal ata o 2 de novembro.

Duración aproximada: 55 minutos.

Necesaria reserva previa en Oficina de Turismo (982 888 506). Domingo directamente no barco.

Horario de reservas Oficina de Turismo: de martes a sábado, de 10:30h a 13:30h e de 16:30h a 19:30h (ata o día 15, a partir dese día reservas directamente no barco e para grupos no número 982 58 60 00).

Tarifas:
Maiores de 18 anos: 5 €
De 8 a 17 anos: 3 €
Menores de 8 anos gratis.

Asociación de Redeiras “Cabo de Burela”:

Desentrañar da man das propias redeiras o seu oficio tradicional e artesanal.

Horario ata o 30 de setembro: De luns a venres, ás 11:00 h. Visitas garantidas cun mínimo de 2 persoas.

A partir do 30 de setembro visitas con cita previa (con antelación) dentro das Rutas de Artesanía da Mariña Lucense. De luns a venres.

Duración aproximada da visita: 55 minutos.

Necesaria reserva previa teléfono: 630 75 79 10.Correo electrónico:caboburela@hotmail.com.

Dirección: Nave de Redeiras. Porto de Burela (a carón da Confraría de Pescadores)

Tarifas:
Maiores de 16 anos: 5 €
De 4 a 16 anos: 3 €
Menores de 3 anos gratis.

Local social Mariñeiros Xubilados e Afíns.

Aprender sobre “A nosa Memoria” colectiva vinculada ao mar a través da sabedoría de experimentados mariñeiros.

Horario (todo o ano): Xoves e venres, de 16:00 a 18:00 horas. Sábados e domingos, de 10:00 a 12:00 horas.

Teléfono reserva previa: 665 013 838.

Visitas gratuítas.

Dirección: Rúa do Porto, 1, Burela (enfronte á Oficina de Información Turística).

Ademais, o sábado 17 de setembro contarase coa última ruta xeolóxica do verán, que se reserva gratuitamente no blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com.es.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here