Arrinca o envellecemento activo en Burela para persoas de máis de sesenta anos

Desde o Concello promoven o exercicio físico para persoas maiores destacando os múltiples beneficios dun envellecemento activo e agradecen a resposta positiva ante esta aposta do goberno.

Consistorio de Burela. AXM

O Concello de Burela abre o prazo o vindeiro 12 de setembro para o programa de envellecemento activo destinado a persoas empadroadas de máis de 60 anos. Integrado nas Escolas Deportivas, o curso comezará o luns 19 de setembro e finalizará o mércores 14 de decembro, dando continuidade ao realizado antes do verán polo seu éxito entre os veciños.

As persoas interesadas teñen de prazo máximo ata o 14 de setembro para presentar a ficha de inscrición na actividade, debendo entregala na Casa do Concello en horario de 8 a 15 horas. A adxudicación de prazas farase por rigorosa orde de inscrición, tendo prioridade os usuarios e usuarias que xa participaron no primeiro ciclo do curso.

O programa porase en marcha dúas horas á semana organizadas en dous grupos de 20 persoas como máximo, impartindo as clases o técnico de deportes do concello, Iván Cao Lucas. A cuota de inscrición é de 6 euros ao mes.

A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, explicou que “damos así continuidade ao primeiro ciclo impulsado antes do verán, que tivo unha resposta moi positiva e que permitirá deste xeito ofrecer a máis persoas maiores esta actividade”, destacando os “beneficios que conleva a moitos niveis, non só de saúde física e envellecemento activo senón tamén de socialización e contacto coa comunidade”.

Pola súa banda, o edil de Deportes, Ramiro Fernández, animou “aos maiores de 60 a que se anoten nesta actividade e fagan un pouco de exercicio semanal, o cal repercutirá moi positivamente na súa saúde tanto física como mental”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here