O Concello de Burela acolleu esta mañá a presentación da sétima edición do festival benéfico deportivo Alas de Vida, que se celebrará esta fin de semana co obxectivo de recadar fondos para a asociación Debra Pel de Mariposa. Presentaron esta nova edición o alcalde de Burela, Alfredo Llano, o presidente da asociación Fanto Fantini, Diego Campos, e o representante de Alas de Vida, Kiko Muñoz.
O sábado 24 de setembro realizarase un paseo solidario de 3 km con saída na Praza da Mariña ás 16:30h e unha festa infantil para os máis pequenos e pequenas. O domingo 25 de setembro a xornada comezará cunha andaina ás 9:30h que precederá ao trail de 14 km saíndo ás 10:30h, ambos da Praza da Mariña.
Tanto para o paseo, como para a andaina e o trail, é preciso inscribirse na web https://inscripciones.empa-t.com/inscripcion/carreras-solidarias-alas-de-vida-2022-1/inscripcion_datos/?lang=es
Esta iniciativa que chega á súa sétima edición despois dun parón pola pandemia pretende non só recadar fondos para apoio á asociación da pel de mariposa, senón tamén visibilizar esta catalogada como enfermidade rara.
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, destacou “que é un evento solidario que vai da man do deporte e que leva moitos anos contando coa participación da xente, moi importante para conseguir sensibilizar sobre esta enfermidade”, valorando o festival benéfico deportivo como “unha iniciativa extraordinaria da que estou moi orgulloso e moi agradecido por toda a implicación”.
Pola súa banda, Kiko Muñoz explicou “que o noso proxecto foi elexido nunha liña que vincula as enfermidades raras co deporte e que nos permite o financiamento con fondos europeos, acadando un paso importante que redunda positivamente na integración das persoas que padecen esta enfermidade”, agradecendo así mesmo “a grande colaboración do pobo tanto a nivel económico como tamén persoal, o que nos fai ter unha satisfacción maior despois de todo o traballo realizado”.