A nave de redes do porto de Burela volverá acoller unha cita que non se celebraba desde maio de 2019. A Fundación Expomar organizará tamén o XXIV Encontro Empresarial e as XXX Xornadas Técnicas.
Despois da reunión do Comité Executivo da Feira, que tivo lugar este mércores pola tarde, a Fundación Expomar confirmou as datas da próxima edición da súa feira monográfica náutico pesqueira: Expomar 2023 celebrarase entre o 10 e o 13 de maio de 2023.
A principal novidade reside nas propias datas de celebración, pois por primeira vez terá lugar de mércores a sábado. “Con esta medida cremos que profesionalizamos aínda máis a feira porque se centra a actividade máis nos días laborais e non na fin de semana, e respondemos así a unha demanda habitual dos propios expositores”, asegura José Manuel González ‘Brais’, xerente da Fundación Expomar.
Despois de superar o parón pola pandemia e tomando como referencia a edición de 2019, o obxectivo de Expomar 2023 será igualar e mesmo superar a cifra de negocio xerada por expositores e visitantes profesionais durante a última feira, alcanzando os 135 stands de expositores e máis de 350 marcas de diferentes países representadas.
Así mesmo a Fundación Expomar ten previsto aumentar a superficie de exposición da feira, superando os 5.000 metros cadrados entre o interior da nave de redes e unha carpa anexa no Porto de Burela.
Como xa vén sendo habitual, tamén se desenvolverán unha serie de actividades paralelas, como as Xornadas Técnicas ou o Encontro Empresarial, que ofrecen un valor engadido de interese para os profesionais e todas aquelas persoas vinculadas ao mundo do mar e a pesca.
As Xornadas Técnicas, que xa están consolidadas como un foro de recoñecido prestixio e que se seguiron celebrando nos últimos anos a pesar da pandemia, vivirán a súa 30ª edición e volverán tratar os temas de maior actualidade e controversia, contando como ponentes a primeiras figuras do sector pesqueiro, desde o ámbito político de todas as administracións a técnicos especialistas ou investigadores de diversas especialidades.
O Encontro Empresarial de Organizacións Profesionais tampouco se detivo pese á Covid e seguiu reunindo cada ano ás entidades máis representativas da frota galega e outras asociacións nacionais.
A Fundación Expomar conta cunha importante axuda da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, que mantén a súa aposta pola pesca e a náutica apoiando un dos eventos referentes do mundo da pesca en toda a cornixa cantábrica e norte de Portugal.
Expomar 2023 volverá servir de excelente plataforma comercial para as principais firmas, fabricantes e administracións vinculadas ao sector pesqueiro. O programa de actividades aínda non está pechado, xa que desde a Fundación Expomar séguense buscando novos contidos e actividades paralelas que sumar á tradicional oferta deste certame.
EXPOMAR DE CABO VERDE
Nos próximos meses celebraranse diversas presentacións en diferentes zonas da xeografía española como promoción desta próxima XIX feira monográfica náutico pesqueira.
Unha das primeiras accións de promoción será a participación na “Feira Expomar de Cabo Verde”, que se celebra do 29 de setembro ao 1 de outubro en Porto de Mindelo (São Vicente, Cabo Verde). Expomar estará presente dentro da misión comercial que a Consellería do Mar da Xunta de Galicia levará a Cabo Verde, xunto con outras empresas de Galicia relacionadas co sector náutico e pesqueiro.