A Plataforma sanitaria da Mariña desplazará o seu dispositivo móbil de axuda coas reclamacións (UMAR) ao centro de saúde de Burela o vindeiro martes 4 de outubro, no seu horario habitual, de 11 a 13 horas. Redactaranse reclamacións colectivas en demanda dun servizo de pediatría ao completo para reforzar a única pediatra que hai .
O centro de saúde de Burela estaba dotado con dúas profesionais de pediatría, mais coa marcha dunha delas a outro destino, quedou unha soa profesional para atender unhas mil cincocentas nenas e nenos que viven na vila. Isto levou a un aumento da sobrecarga de traballo durante estes días pola ausencia da pediatra que atende os concellos de Xove e Cervo.
Segundo a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, non se pode garantir unha asistencia pediátrica de calidade, malia os esforzos que está a realizar a profesional. Segundo comenta Montse Porteiro, a coordinadora do colectivo ,“o lóxico malestar das familias pola situación xa derivou en reclamacións das mesmas, polo que esta plataforma quere porse a disposición da veciñanza de Burela para denunciar publicamente esta problemática”.
FALTA DE PEDIATRAS
A Plataforma tamén sinala que algunhas familias os informaron de que a falta de pediatras está a afectar tamén a Barreiros, Lourenzá e Mondoñedo desde que a titular de pediatría accedeu a outro destino por un proceso de traslados.
Deste xeito “non se están a facer as revisións periódicas dos neonatos nin tampouco noutras idades“, situación que este colectivo cualifica como gravísima, “posto que son os pediatras os que teñen que atender ás crianzas, non os médicos de familia, que por outra banda están tamén en claro déficit”.
SALVAR A ATENCIÓN PRIMARIA
A Plataforma Sanitaria da Mariña levará a cabo unha recollida de sinaturas en apoio da ILP de medidas urxentes para recuperar e fortalecer a Atención Primaria. Esta iniciativa parlamentaria precisa da recollida dun mínimo de dez mil sinaturas para poder ser debatidas no Parlamento.
Desde este colectivo animan tamén a asinar esta iniciativa que pretende dotar de persoal e medios a Atención Primaria. As e os activistas sanitarios conclúen manifestando que “ a falta de pediatras é unha cuestión moi grave e que non só afecta ás familias con crianzas, senón tamén a toda a comarca, posto que é un indicativo máis da precaria situación pola que está a pasar a sanidade pública e a atención primaria; por iso tamén todas as persoas da Mariña deberiamos asinar esta ILP en defensa da Atención Primaria”.