O presidente da Real Academia Galega visita Burela para compartir unha xornada coa comunidade neofalante

O encontro estará coordinado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do propio centro e presentado por Natalia Irimia, a súa coordinadora. Dará a benvida a directora, María José Pardiñas e intervirá Karina Parga, profesora de francés.


O Presidente da Academia Galega, Víctor F. Freixanes, visitará Burela o vindeiro martes 11 de outubro co obxectivo de coñecer a iniciativa educativa Modelo Burela e compartir unha xornada coa comunidade neofalante, moi especialmente coa Masa Coral do programa radiofónico Proxecto Neo.

Á súa chegada, arredor das 11:30 da mañá, será recibido polo equipo directivo e por profesorado do centro. Logo, celebrarase un acto ao que asistirá alumnado de 2º de Bacharelato do IES Perdouro. O encontro estará coordinado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do propio centro e presentado por Natalia Irimia, a súa coordinadora. Dará a benvida a directora, María José Pardiñas e intervirá Karina Parga, profesora de francés. A continuación, proxectarase un vídeo sobre os neofalantes en Burela e as alumnas e alumnos farán unha breve actuación. O presidente da RAG tamén dedicará unhas palabras aos presentes.

A continuación, aproximadamente ás 13 horas, realizarase unha recepción institucional no Concello de Burela. O alcalde, Alfredo Llano, recibirá ao presidente, Víctor Freixanes, no salón de plenos da casa consistorial, acompañados da corporación municipal e unha representación do tecido asociativo. Neste acto tamén intervirá a cronista oficial do concello, Herminia Pernas Oroza, finalizando coa sinatura por parte do presidente da RAG do libro de ouro do Concello.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here