-O último destino que tivo foi Guitiriz antes de Burela. Cales son as grandes diferenzas que encontra entre un lugar e outro en canto levar adiante o traballo pastoral?
Burela ten unha poboación moito máis nova que Guitiriz ou que na Terra Chá. Alí estaba nun medio máis rural, levaba máis parroquias máis pequenas en canto poboación. Aquí estamos diante dunha vila grande. Daquela, eu aquí non teño que cambiar nada, ao revés, eu tería que asumir o funcionamento da parroquia pois xa había un desenvolvemento a nivel catequético e en canto a migración, entón eu debo actualizarme nese sentido.
-Que lle provocou chegar a unha parroquia que, tendo unha poboación maioritariamente católica, aínda así presenta dentro dese catolicismo idiosincrasias distintas ás de aquí?
Xa a nivel diocesano é coñecido que Burela é un foco de atención nese sentido, que hai unha comunidade caboverdiana grande e que participan en cuestións diocesanas. Agora ben, unha cousa é velo puntualmente e outra velo de maneira habitual. En Guitiriz tamén hai presenza de romaneses polo tema da fresa, aínda que eles son ortodoxos e non ían moito pola igrexa. Pola contra, en Burela si ves as comunidades inmigrantes na igrexa. Hai pouco, por exemplo, celebrei o bautizo dun neno caboverdiano. Chama a atención, mais no fondo é expresión do que é a Igrexa, que é universal.
Aquí hai un desenvolvemento a nivel catequético e en canto a migración, entón eu debo actualizarme nese sentido
-Cantos anos leva exercendo o sacerdocio?
Pois ordeneime en 1999 así que fago vinte e tres anos.
-Ademais do xa dito, cales son os grandes retos que ten por diante neste novo destino?
Non é un reto mais debo entrar e asumir a realidade que se vive nesta parroquia. Non veño cambiar ou transformar nada. Primeiro, veño ser un máis e aportar o que poida. O anterior párroco aportou unha serie de cousas e eu asumireinas e ademais tamén podo aportar os meus valores mais adaptándome ás novas circunstancias, a como se traballa e que haxa unha adaptación mútua, eu á comunidade e a comunidade a min porque non só é cousa miña.
Hai pouco celebrei o bautizo dun neno caboverdiano. Chama a atención, mais no fondo é expresión do que é a Igrexa, que é universal.
-Sente unha maior secularización no seu novo lugar que nas parroquias onde estivo anteriormente?
Iso é moi relativo, debemos ter en conta que Burela, San Cibrao e outras parroquias son máis populosas, con anterioridade a parroquia máis grande que levaba era Guitiriz, con dous mil habitantes, o resto eran parroquias pequenas. Desta maneira, ás celebracións en Burela vai máis xente aínda que debería examinarse a proporción. De momento eu vexo moita particpación, mais dentro desa característica habería que ver a proporción en relación á poboación do lugar. Si vexo máis xente nova en comparanza co que vía alá, aínda que volvemos ao mesmo, a poboación estaba más avellentada e a xente nova non ía moito pola igrexa.
-Dentro do seu labor pastoral tamén deu aulas de relixión?
Si, en Cedeira, Pastoriza e fun formador no Seminario en Mondoñedo en galego, relixión e música.
-Vostede é de Neda, un concello cerca de Ferrol. Sente algunha diferenza entre esa parte da diócese e na que está agora?
Cada lugar ten as súas características. Aquí por exemplo déronme un dato que me deixou sorprendido, porque a referencia en Burela é Cabo Verde e América Latina, mais o outro día o capitán da Garda Civil que hai cincuenta nacionalidades. Por tanto, e moito máis grande o abano multicultural.
-Como pode influír na súa formación constante como sacerdote as características desta poboación multicultural?
A min apórtame novas maneiras de entender a pastoral. Un exemplo, coa catequese estaban levando un modelo que non hai noutros lugares da diócese, pois aquí trabállase cos pais. Preparámolos primeiro a eles para despois daren a catequese aos fillos na casa. Non é o modelo tradicional, aquí os pais participan dunha maneira activa. Para min é unha experiencia nova e interesante.
-Parécelle este estilo de catequese máis positiva?
Si, aínda que como lle dixen a Suso, o anterior párroco, “coñézoa en teoría mais quero ver a práctica”. A min paréceme unha experiencia interesante porque ao mesmo tempo que tamén formamos aos adultos.
Algo novo que me aporta é a catequese pois en Burela trabállase cos pais, preparámolos para dárena eles na casa
-Cales son os pasos que está dando para levar adiante o seu traballo?
Como lle digo a todo o mundo, estou aterrando. Empecei tendo reunións cos catequistas, pois temos que botar adiante a catequese xa e mirar que grupos hai na parroquia, tamén Cáritas e mirar as celebracións que teñen os caboverdianos e os peruanos pois xa me pediron celebrar as súas misas de cara as súas festas. É unha maneira de introducirme nas diferentes áreas da parroquia.