Un concelleiro do BNG en Burela aceptou unha multa de 720 euros por pedir o voto para o seu partido a través de Facebook durante a xornada de reflexión das pasadas eleccións autonómicas de 2020.
Finalmente, houbo conformidade neste xuízo que se tiña que celebrar na Audiencia Provincial de Lugo por un delito de propaganda electoral. A Fiscalía pedía para o edil unha multa de 4.300 euros que agora quedan en 720, a razón dunha cota diaria de catro euros en seis meses.
Segundo a acusación pública, durante a xornada de reflexión ás eleccións ao Parlamento de Galicia, que se celebraron o 12 de xullo de 2020, o acusado, membro da Corporación municipal de Burela, publicou na súa conta persoal de Facebook unha petición expresa de voto para a súa formación política á que representaba, o que supón “un acto de propaganda electoral dirixido a persuadir aos cidadáns para que emitan o seu voto a favor dun candidato”.
O avogado do concelleiro, Pablo Álvarez, confirmou este acordo de conformidade. “Digamos que o delito polo que se lle acusa é un delito de propaganda electoral e a propaganda electoral é un concepto xurídico indeterminado”, advertiu, no entanto.
A Fiscalía expuña que o concelleiro nacionalista tamén acompañara esa acción en Facebook de carteis electorais nos que aparecían as imaxes coa candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, e coa cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil.