O PP de Burela sinala que en 2021 o goberno municipal anunciou que dedicaría 181.000 euros para axudas a comerciantes, autónomos, hostaleiros e familias en situación difícil para facer fronte á situación creada pola pandemia de Covid-19. O portavoz popular, Manuel Rouco, di que o alcalde, o socialista Alfredo Llano, recoñece que, da citada cantidade, só se empregaron para o fin indicado un total de 58.000 euros. Os populares queren saber a que se dedicaron os cartos previstos para axudas que non se destinaron a este obxectivo.
Manuel Rouco apunta que do importe total previsto, só un terzo acabara chegando aos destinatarios. “O máis grave é que o alcalde non quere aclarar onde van os cartos non empregados como axudas e limítase a dicir que nalgún lado estarán”. O líder do PP burelés acusa a Llano argumentando que “este é o alcalde de Burela en estado puro, este é o verdadeiro señor Llano”. Alfredo Llano queda perfectamente reflectido nesa expresión que supón unha falta de respecto a todos os veciños de Burela, din desde o PP.
Manuel Rouco non deixa de destacar a explicación dada polo alcalde en relación a por que non se empregou a cantidade total prevista para as axudas para paliar as consecuencias da Covid-19. “Di que non fixeron falta máis cartos; é un verdadeiro insulto, especialmente coa que está a caer en Burela”.
A explicación dos populares ante este feito é que se “debeu á complexidade das bases, decididas polo goberno socialista, que regulaban ditas axudas. No seu momento avisamos dos problemas que traerían estas bases, pero no goberno non fixeron caso”.