A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela organizou na mañá do mércores 23 de novembro unha nova edición do seu clásico obradoiro anual sobre “Aplicación da Obriga de Desembarque, Selectividade de Artes e Valorización de Produtos”.
Na apertura da xornada, que tivo lugar no salón de actos de Armadores de Burela, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Antonio Basanta, agradeceu ao sector pesqueiro local a súa constante participación en diferentes proxectos, axudando a comunicar mellor á sociedade o seu traballo e a gran importancia que ten o sector pesqueiro comarcal.
Empezando coa aplicación da Obrigación de Desembarque na xestión pesqueira nacional e europea, Juan Antonio Espello, xefe de servizo de Augas Comunitarias, acompañado por Estela Aparicio, xefa de servizo técnico na área do Atlántico da Subdirección Xeral de Caladoiro Nacional e Augas UE do MAPA, presentou o borrador de Acto Delegado para 2023, explicando detalladamente as exencións e flexibilidades do novo plan de descartes. Centrouse en explicacións para as frotas de Gran Sol (augas noroccidentais) e de litoral (suroccidentais) sobre exencións de alta supervivencia ou mínimis, así como en flexibilidades inter-especies.
Na súa presentación sobre “Datos, Ciencia e Xestión Pesqueira”, o xefe de área de pesqueiras do Instituto Español de Oceanografía (IEO), Pablo Abaunza, expuxo como debe funcionar o “ciclo de información pesqueira” para lograr a sustentabilidade. Desde o seu punto de vista a pesca é un mundo complexo, moi dinámico e en continua retroalimentación; explicando que a recollida de datos pretende responder a tres cuestiones: o por que, o que e o como.
Finalmente, julio Valeiras, do Instituto Español Oceanografía e coordinador do estudo SELECTLUGO sobre a mellora da selectividade na frota de arrastre de litoral de OPP Burela. Presentou os resultados deste proxecto, que en 2022 se realizou en campaña da cabala e que vén completar o iniciado o ano anterior coas especies de fondo. Durante este ano realizáronse observacións en 52 lances de pesca durante tres semanas de marzo e abril, obtendo datos para o lirio, a cabala e o xurelo. Grazas a estas dúas campañas obtivéronse evidencias científicas actualizadas para a frota de arrastre de litoral, datos que están dispoñibles para SEGEPESCA e a Comisión Europea a través do STECF.
A xornada finalizou cunha degustación gastronómica de especies con alto potencial de comercialización, como a bertorella, a cabra de altura, o congro, a pota, a maruca ou a maruca azul (peixe pau), servindo como exemplo de aproveitamento gastronómico e valorización de produtos pesqueiros.
Esta actividade, que se realiza en colaboración con ABSA, enmárcase no plan de produción e comercialización anual de OPP Burela e conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia e o FEMP.