Burela levará ao pleno do vindeiro xoves o Pacto Global de Alcaldes polo Clima

O alcalde, Alfredo Llano, dixo que “outro asunto que imos resolver, espero que dunha forma positiva, é a aprobación definitiva do expediente dun terreo dotacional e unha vez que se normalice a situación imos proceder aos pagos".


O vindeiro xoves, 1 de decembro, haberá pleno ordinario no Concello de Burela. Na sesión someterase a aprobación o Plan de Acción enmarcado dentro do Pacto Global de Alcaldes polo Clima e a Enerxía e seguirá adiante a tramitación para adquisición de solo dotacional por parte do Concello co obxectivo de crear diferentes servizos públicos.

O alcalde, Alfredo Llano, dixo que “o xoves temos un pleno ordinario no que se van tratar dous puntos importantes. Un deles é sobre a participación de Burela no Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES), que é unha asociación na que estamos case 300 concellos porque preocupa moito a cuestión medioambiental e o cambio climático, ao que hai que ir dando solución para que isto non nos condicione de tal maneira que poida prexudicar á organización normal da sociedade e á forma de vivir que temos agora”.

O rexedor considera que “hai que dar pasos en firme e por iso o compromiso de todos os concellos é vital; así o entenden xa desde Europa, onde se indica claramente que os concellos deben ser os primeiros en implicarse e levar a cabo accións para mitigar o efecto do cambio climático e adaptarse a el. É un documento que vai ser aprobado, loxicamente, e que vai servir como referencia para organizar actividades para mitigar o cambio climático e aplicarnos no medio ambiente”.

Sobre o solo dotacional Llano comentou que “outro asunto que imos resolver, espero que dunha forma positiva, é a aprobación definitiva do expediente dun terreo dotacional e unha vez que se normalice a situación imos proceder aos pagos para facernos xa con estes terreos para utilizalos e empregalos para servizos públicos. Outro terreo, que está ao lado e que forma parte doutro expediente, é tamén moi importante para nosoutros porque é onde queremos situar unha serie de servizos públicos interesantes e necesarios, como son unha residencia para persoas con discapacidade. Neste caso vaise aprobar inicialmente o proceso para normalizar a situación”.

E engadiu que “ademais nunha zona enfronte do cemiterio parroquial, ao lado da Avenida da Mariña, hai un terreo que ten aproximadamente 1.200 metros cadrados e imos proceder á expropiación para facer un espazo público, con mobiliario e vexetación, para que sexa un lugar de encontro e para estar a gusto. Isto favorecerá tamén aos propietarios deses terreos porque aí non se pode facer edificacións”.

O alcalde burelés subliñou que “grazas a estas adquisicións por parte do Concello de todos estes terreos dotacionais e de servizos van quedar para o futuro para abarcar todo tipo de proxectos que poden ser moi bos e interesantes para o noso concello”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here