OPINIÓN: Carta ao alcalde de Burela da Asociación de Veciños O Vencello

Carta da Asociación de Veciños "O Vencello" de Burela ao alcalde da localidade.


Asociación de Veciños “O Vencello”

Estimado Alcalde:

Todos os que o coñecemos sabemos da súa particular predilección por todo o que teña que ver coa celebración de festas, efemérides, homenaxes con murais e días internacionais.

Por iso, non acabamos de comprender que a estas alturas de mes o noso concello non teña ningunha luminaria de Nadal colocada polas rúas. Parece mentira en vostede co que lle gusta tamén iso de engalanar rúas!

Descoñecemos a que se debe isto e gustaríanos saber cal é o motivo de que Burela aínda non teña ningunha luz de Nadal a menos de 20 días para a Noiteboa.

Seguro que terá as súas razóns, pero coma case sempre só as sabe vostede e os seus compañeiros do Goberno municipal. Créanos señor Llano, o resto de veciños e veciñas non as sabemos e queremos coñecelas da súa boca.

Mentres que agardamos a súa resposta, saiba que os e as burelás non nos resignamos á escuridade á que vostede e os seus concelleiros queren sumir a vila. Por iso, animamos a toda a cidadanía a acender Burela como se merece e así celebrar estas datas.

Facemos un chamamento á veciñanza para suplir esta carencia iluminando fachadas, escaparates, xanelas, balconadas e todo o que se lles ocorra, para demostrar entre todos e todas que Burela brilla tamén no Nadal.

Neste senso queremos agradecer á Asociación de Comerciantes e Autónomos de Burela polo seu esforzo de engalanar con decoración navideña algúns dos lugares máis céntricos da nosa vila.

A decoración de Nadal supón un revulsivo que incita ao consumo, ás compras e a gozar da hostalería do municipio. Por iso, señor Alcalde, creemos que a súa actitude de non poñer iluminación de Nadal é unha estocada mortal para os comercios da vila que vai en detrimento do noso xa minguado tecido industrial e comercial.

1 COMMENT

  1. Incita ao consumo. Menuda panda de flipados. Si fora para protestar polo gasoil, a luz ou os sueldos e as horas que se traballan sin cobrar, para eso non escribirían carta protestando. Chalados!

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here