InicioCentralBurelaBurela proxectará este domingo que vén o documental "Si ka badu, ka...

Burela proxectará este domingo que vén o documental “Si ka badu, ka ta biradu” sobre o traballo das mulleres caboverdianas

O documental Si ka badu, ka ta biradu explica que Cabo Verde é un pequeno arquipélago formado por dez illas de orixe volcánica e clima árido situado a uns 500 quilómetros da costa africana, á altura de Senegal.

Publicada o

- Advertisement -

A Casa da Cultura de Burela acolle este domingo, día 18 de decembro, ás 18h, a estrea do documental Si ka badu, ka ta biradu (Se non marchas, non podes volver), nunha proxección con coloquio posterior que contará coa participación do equipo do filme e mais das súas protagonistas. O acceso será libre, grazas á colaboración do Concello de Burela, que cedeu o espazo gratuitamente.

O documental, que parte dunha investigación desenvolvida polo Equipo de Investigación Sociedades en Movemento (ESOMI) da UDC, retrata a importancia que ten o traballo das mulleres migrantes na supervivencia e no benestar das súas familias, na localidade galega de Burela e na illa caboverdiana de Santiago. Vémolas cociñar, limpar, atender maiores e crianzas tanto nas súas localidades de orixe como na sociedade de destino, a galega, e comprendemos o impacto que ten nas súas vidas a ausencia dos homes neses labores. Son elas tamén as que organizan o tráfico dos afectos, as chamadas, os envíos remesas e de encomendas. As que aforran para un futuro de ensoño no que poder descansar despois de tantos traballos. En Burela ou en Caboverde.

Funha e a súa filla Zuleika falan da dureza da súa vida na localidade costeira de Porto Rincao, onde máis da metade das fogares están encabezados por mulleres que sacan adiante as súas crianzas sen axuda dos pais. Da mesma localidade son Grazilinda e Ernestina, dúas irmás que traballaron -e traballan- moi duro a ambos os dous lados da corrente migratoria para sacar adiante as súas familias, sen axuda dos pais dos seus fillos. Ernestina conta os días, en Burela, que lle faltan para poder xubilarse e volver onda súa irmá.

Dezideria, que ten fillas e netas nacidas no noso país, coida en Burela de netos e bisnetos para que as súas nais poidan gañar a vida fóra da casa. Mentres, en Cabo Verde, a súa cuñada Quinta, cóntanos que renunciou á emigración polo deber de coidar dos seus sogros, pero que desexa que os seus fillos marchen a Europa, na busca dun futuro mellor.

Belita e a súa filla, Zuleika, póñelle cara á dor da separación entre nais e fillas, cando unha das dúas debe quedar atrás. E, tamén, retratan os coidados que atravesan as fronteiras na forma de chamadas, mensaxes e envíos -as encomendas- que viaxan dende Burela ataa casa familiar de Cidade Vella, onde Bentinha e Nila, as irmás de Belita, coidan da súa nai nonaxenaria, Joia, mentres, os seus fillos constrúen as súas propias vidas en Burela e Lisboa.

O documental permítenos, tamén, acompañar a unha das súas protagonistas, Ziza, no camiño de volta dende Burela ata Cabo Verde. Alí agárdana a luz e a calor, unha casa a medio construír, os bidóns cheos de obxectos que enviou e agora debe distribuír, as irmás que quedaron en Cabo Verde coidando dos seus maiores e a tumba do seu pai, que finou durante a pandemia. Con ela, comprendemos a dor irreparable que causa vivir dende a distancia a enfermidade e a morte dun ser querido.

DEZIDERIA

ERNESTINA

BELITA

SIZA

Descarga a cartelería da estrea en Burela: para RR.SS. | para Imprimir

UN POBO DE MIGRANTES

O documental Si ka badu, ka ta biradu explica que Cabo Verde é un pequeno arquipélago formado por dez illas de orixe volcánica e clima árido situado a uns 500 quilómetros da costa africana, á altura de Senegal. Cabo Verde foi colonia de Portugal ata 1975. O imperio colonial portugués fixo uso da escravitude de distintos grupos étnicos africanos para habitar esta terra, suxeita a secas periódicas que imposibilitan a agricultura e teñen provocado, alén de millares de mortes, a necesidade de migrar. Dende finais do s. XVII, partiu das illas unha corrente migratória imparable que esparexeu as familias cabo-verdianas por diversos estados e continentes. Estímase que a poboación de orixe caboverdiana espallada polo mundo supera en máis do dobre á residente nas illas. Desta diáspora forma parte a comunidade procedente de pequenas localidades da costa ocidental da illa de Santiago que desde 1978 se foi asentando na localidade galega de Burela.

Aínda que existe unha grande diversidade de tipos de familia e de proxectos migratorios, todos eles están atravesados polo desigual reparto dos traballos. Dende finais dos 70 até o ano 2000 os homes foron os escollidos nos fogares para migrar, mentres as mulleres só puideron facelo cando o marido as reagrupaba. Elas non tiñan permiso para traballar fóra de forma legal, o que levou a moitas a facelo de forma irregular, sen dereitos. Cuns maridos ausentes, traballando na pesca de altura, o seu traballo dentro e fóra das casas foi fundamental para que as familias puidesen medrar e prosperar. En Burela e en Cabo Verde. En ambos os dous lugares os coidados de maiores e das crianzas nas familias acaban implicando a moitas mulleres, tecendo así unha malla precaria de sostemento da vida que repousa sobre o seu traballo gratuíto.

Entre 1998 e 2011, a comunidade caboverdiana en Burela cuadruplicouse. Chegaron moitos mariñeiros acompañados polas súas familias e, tamén, algunhas mulleres soas, co seu propio permiso de traballo. As condicións de chegada melloraron un pouco, ao contar co acollemento de familias asentadas na localidade. O que non variou foi a ausencia masculina nos labores dos coidados, dentro ou fóra das casas, remunerados ou non.

A principios deste século XXI, en Burela, como noutras vilas galegas, comezou a haber unha demanda crecente de traballadoras migrantes para coidar a persoas dependentes, xa que na sociedade galega apenas existen recursos públicos nin reparto igualitario destes coidados. Así, moitas mulleres caboverdianas comezaron a traballar coidando de persoas maiores ou crianzas dos seus veciños e veciñas de Burela, mentres outras mulleres das súas familias quedan en Cabo Verde ao coidado das crianzas das migrantes e dos seus maiores, sexan nai, pai, sogra ou sogro, dependendo da configuración familiar. É o que se ten chamado “a cadea global dos coidados”, determinada tamén polas relacións desiguais Norte/Sur. O documental amosa, así, como tanto en orixe como en destino se produce unha división do traballo que atribue ás mulleres o ámbito dos coidados, ás veces de xeito remunerado e outras non.

Si ka badu, ka ta biradu retrata, tamén, a vontade de axudar a quen quedou atrás que teñen as mulleres migrantes. As remesas, o diñeiro que as e os emigrantes envían as súas familias, supoñen cada ano máis 10% do Produto Interior Bruto de Cabo Verde (en 2021 estímase que chegou ao 19%). Pero hai moito máis. As encomendas son un vínculo fundamental entre a diáspora caboverdiana e o arquipélago. Son maletas que voan cheas de Galicia a Cabo Verde e que regresan aínda máis cheas de Cabo Verde a Galicia. O documental amosa como, a través delas, viaxan tamén os afectos pola xeografía da diáspora caboverdiana, e sosteñen familias que siguen en contacto a pesar dos anos separadas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...