InicioCentralFozA concesionaria da residencia de Foz seguirá prestando servizo despois do 16...

A concesionaria da residencia de Foz seguirá prestando servizo despois do 16 de xaneiro

Desde o goberno local de Foz pídenlle ao voceiro do PP, Javier Castiñeira, "altura de miras, que non bote gasolina a un problema que xerou no anterior mandato, ao asumir unha competencia impropia e unha residencia que non era súa"

Publicada o

- Advertisement -

Cos votos favorables de todos os concelleiros excepto os do Partido Popular, que se abstiveron, o pleno da corporación municipal de Foz aprobou este mércores que a concesionaria da residencia de maiores, Idea, siga a prestar o servizo despois do 16 de xaneiro, ao ser un servizo considerado esencial e por razón de interese público.

Saíu ademais adiante o acordo para demandar a titularidade do inmoble da residencia ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar (Xunta de Galicia) e superar “a situación de bloqueo que está a exercer o goberno autonómico, que abandonou completamente un servizo que é da súa competencia e responsabilidade e que non quere asumir unha vez finalizado o convenio asinado co Concello”, explicou o alcalde, Fran Cajoto.

O rexedor municipal demandou do voceiro popular, Javier Castiñeira, que se poña do lado das veciñas e veciños de Foz e que facilite unha reunión coa conselleira de Política Social, que o Concello pediu por escrito en persoa ao delegado territorial da Xunta e por vía telefónica á propia secretaria da conselleira: “pedímoslle a Javier Castiñeira altura de miras, que non bote gasolina a un problema que xerou no anterior mandato, ao asumir unha competencia impropia e unha residencia que non era súa”.

O bloqueo da Xunta é incomprensible e inadmisible, segundo o goberno local. Pero Castiñeira “negouse en varias ocasións a contactar coa Xunta para facilitar unha reunión, na que o alcalde lle ofrecía participar, e o PP abstívose na votación deste asunto”.

Respecto ás declaracións do director xeral de Idea en prensa, o alcalde asevera que se atenderon e se atenderán as demandas da empresa cando e como proceda, actitude que non mudou en ningún caso. No pleno de abril de 2021, despois dos cálculos realizados polos técnicos municipais e unha empresa contratada para tal fin, resarciuse á concesionaria Idea con 36.064,57 euros, dos máis de 142.000 que inicialmente reclamaba, cos votos favorables de todos os concelleiros excepto o PP, que se abstivo.

Este ingreso foi motivado polo peche obrigado do centro de día durante a pandemia. “Sempre imos proceder a aboar o que é xusto e corresponde, cos preceptivos informes, como administración responsable que somos e garante de fondos que non son nosos, senón de todas as veciñas e veciños”. Desde a alcaldía din que “estamos aquí para defender aos residentes e aos traballadores, traballadores aos que a concesionaria lles debe parte da súa remuneración”.

O Concello é o garante da súa praza de residencia e dos seus postos de traballo fronte ao Consorcio, que pretendía xestionar unha residencia baleira. Non sabemos que intereses defende o Partido Popular, aínda que o sospeitamos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...