Marcelino Villarino: “Desde A Pomba do Arco fixérase unha campaña para a galeguización do rueiro de Foz”

A Asociación Cultura A Pomba do Arco de Foz leva máis de tres décadas traballando a prol da cultura e da lingua galegas na vila do Masma. Marcelino Villarino é o voceiro da asociación con quen falamos brevemente sobre a historia da mesma e as actividades de cara o 2023.


 

-Cando comezou a andaina da asociación “A Pomba do Arco” e cales foron os motivos inspiradores da mesma?

A asociación cultural “A Pomba do Arco” nace en 1988 en Foz coa intención de defender tanto a lingua como a cultura galega. Isto faise mediante a promoción cultural como pode ser a presentación de libros, mesmo tivemos unhas “Feiras do Libro Galego”, temos un grupo de teatro e mesmo tivemos un grupo de xadrez. En definitiva, buscamos a promoción da cultura galega e da súa lingua así como da cultura en xeral.

-Cales foron as principais iniciativas de cara a defensa do galego?

Entre outras, fixérase unha campaña de galeguización do rueiro de Foz. Organizáronse palestras sobre a normalización lingüística e da relación entre o galego e as leis. Tamén levamos adiante xornadas relacionadas coa historia local ademais doutras de poesía “Pedindo a palabra” e encontros sobre distintas artes.

buscamos a promoción da cultura galega e da súa lingua así como da cultura en xeral

-Recentemente presentouse o libro As Tarrafas de Foz, de Andrés Díaz Ferro, un achegamento á historia pesqueira da vila.

O autor púxose en contacto con nós para presentar o libre e consideramos que era un tema moi interesante. As tarrafas era unha arte de pesca moi arraigada en Foz e noutras vilas mariñeiras da comarca.

-Con anterioridade abordastes a memoria histórica sobre a guerrilla antifranquista. Para esa xornada trouxestes a “Quico” Martínez, antigo guerrilleiro e militante antifranquista. Como se desenvolveron os contactos para traelo a Foz?

Con el hai moitos anos que temos relación. Ademais, anos atrás xa se fixera un encontro similar no que estaban el e máis a súa filla. É unha persoa moi maior, entón cremos necesario aproveitar cada oportunidade que se nos ofrece para convidalo, ademais que el ten moita relación na Mariña con xente involucrada coa recuperación da memoria histórica.

levamos adiante xornadas relacionadas coa historia local

-De cara ao propio Concello de Foz e para o vindeiro ano, A Pomba do Arco vai levar adiante algún acto de especial relevancia?

Non, para o ano que vén seguiremos coas actividades programadas con carácter anual como son o “Touporroutou”, a creación de coplas para o Entroido e a súa lectura pública. Seguiremos coas xornadas de historia local, xornadas de historia, de poesía e algún acto que vaia xurdindo polo medio como son as presentacións de libros ou palestras que poden parecer interesantes.

-Cal é o número actual de socios e socias?

Nestes momentos estamos cerca das cen persoas asociadas. A maioría son xente de Foz aínda que tamén hai veciños e veciñas que non sendo do concello, forman parte da asociación igual.

-De todas as actividades da asociación, cales son as máis atractivas para a xente de Foz?

Dentro das que teñen carácter anual son as xornadas de historia e o “Touporroutou”.

o ano que vén seguiremos coas actividades programadas con carácter anual como son o “Touporroutou”, a creación de coplas para o Entroido e a súa lectura pública

-Dentro do “Touporroutou” hai participación infantil por ser no Entroido?

Non, a participación é de xuvenil en diante por ser para adultos. Esta actividade realízase co Grupor Touporroutou Teatro, tamén co grupo de pandereiteiras da Subela e outras asociacións.

-Colaborades con algunha outra asociación da Mariña?

Normalmente non, aínda que temos realizado algunha actividade con Mariña Patrimonio. Hai pouco estivemos mirando de realizar actos conxuntos coa Asociación Francisco Lanza e Ollomao, sobre todo con asociacións do ámbito local.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here