O BNG de Foz pide responsabilidade á empresa que leva a concesión do Centro Sociosanitario

Acusan á concesionaria do Centro Sociosanitario de deber varios pagamentos ao persoal que traballa nel.


O BNG de Foz sinala nun comunicado que lamenta a actitude da empresa concesionaria do Centro Sociosanitario de Foz. Non sucede o mesmo co persoal que traballa neste centro pois a competencia, a profesionalidade e a dedicación do seu persoal para o BNG quedaron máis que demostradas. “Sempre agradeceremos a súa dedicación e interese”.

Os nacionalistas critican a actitude da empresa concensionaria que en 2020 inicia a prestación dun servizo non incluido na concesión e “cobrando por el á marxe do contrato”. Ante isto, foi preciso realizar unha modificación non prevista nos pregos do contrato de concesión do servizo. Tamén se fixo un “axuste de requilibrio económico por mor da pandemia que á empresa non lle pareceu suficiente”.

Segundo o BNG de Foz, esta manobra da empresa fíxoa ignorando os seus compromisos contractuais, os cálculos dos técnicos do Concello e a lexislación vixente, e presionando “para forzar unha suma inaceptable e ilegal”. A consecuencia, segundo os nacionalistas, “foi deixar de pagar aos seus profesionais”, adebedando distintas sumas ao persoal. Os nacionalistas en Foz apuntan que a concesionaria “anuncia agora publicamente unha entrega do servizo, algo que sabe non pode executar”.

No comunicado sinalan que o servizo está garantido para os usuarios, a subrogación das persoas traballadoras é segura como foi dende o asilo e nestes momentos “trátase de chegar á mellor solución administrativa, que tras da xuntanza co Consorcio de Benestar, pasa por transferir a titularidade ao Concello de Foz”.

Entrementres, realizarase un novo convenio de colaboración “que lamentablemente o Consorcio non entregou ao Concello até o 10 de xaneiro”. O convenio foi analizado xa polos servizos municipais e está pendente de confirmacion inminente polas partes.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here