O corte da estrada N-642 no concello de Foz debido a un afundimento da calzada crea unha moi difícil situación na Mariña. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “No PP de Foz estamos verdadeiramente preocupados pola situación creada polo corte da N-642 en Cangas, onde un afundimento ailla unha parte da Mariña (Foz, San Cosme, Ribadeo) da outra parte”. Indica que esta situación “constitúe un problema maior, porque a alternativa de tráfico é inviable tanto en canto aos tempos como en canto á seguridade, dado que vai por estradas que non reúnen as condicións necesarias; algunhas delas son da Deputación e o PP xa denunciou que non están nas mellores condicións”.
Os populares destacan que os veciños de Foz están aillados con respecto ao hospital de Burela, no que traballan moitos focenses; tamén traballan noutros puntos da Mariña aos que non poden chegar, como o porto de Burela, Alcoa o no forestal.
Castiñeira di: “Pedimos o señor alcalde de Foz, Fran Cajoto, que se poña a traballar inmediatamente co ministerio para que dea unha alternativa viable, posto que falamos dun tema maior”. Ademais disto, engaden que “o PP de Foz ponse en mans do goberno de Foz por se necesita formar algún tipo de comisión de seguimento, porque hai que buscar algunha alternativa a este gravísimo problema”.
No PP indican que “o ministerio, como máximo responsable desta estrada, debe ser o que dea solución ao grave problema que está causando este afundimento na N-642”.