InicioCentralFozO IES de Foz acolle de mércores a venres desta semana o...

O IES de Foz acolle de mércores a venres desta semana o campionato de baristas e cata de cafés

Publicada o

- Advertisement -

Os campionatos de baristas e de cata de cafés do IES de Foz celebraranse nas instalacións do centro esta semana, de mércores a venres. Haberá participantes de cinco comunidades autónomas: Galicia, Asturias, País Vasco, Castela-León e Madrid.

O evento foi presentado hoxe, luns, polo director do IES de Foz, Nicolás Asensio; o concelleiro de Turismo focego, Chema Linares; a subdirectora do IES de Foz e membro do Departamento de Hostalería, Leticia Maseda; e o director do CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, Isidro Berdeal.

Nicolás Asensio explicou que se celebrará “o décimo quinto Campionato Internacional de Baristas de centros educativos e en paralelo desenvolveranse o décimo Campionato Internacional de Cata de Café, o noveno Internacional de Baristas Profesionais e o terceiro Internacional de Cata de Café para profesionais. É dicir, marca unha volta á normalidade no desenvolvemento dos campionatos”.

O director do IES de Foz destacou “a estreita colaboración que establecemos coa contorna onde nos movemos: con todas as administracións públicas con presenza na Mariña, cos centros educativos desta comarca e con Foz, a través da ACIA. Sen todos eles sería imposible a organización porque baixan a pé de terra e colaboran: o Concello de Foz, con loxística e botando unha man no que lle pedimos; e cos temas dos proxectos de innovación, coa decoración e o deseño dos espazos interiores do centro, por exemplo o IES San Rosendo, de Mondoñedo. É de agradecer que todos esteamos involucrados nisto”.

Asensio engadiu que o evento “comezará o mércores ás catro da tarde, coas primeiras actividades, e finalizará o venres, cos campionatos profesionais. É o modelo que viñamos usando sempre con pequenos cambios, que están motivados pola falta de alumnado. Temos moi poucos alumnos e por tanto a degustación de café será na furgoneta do proxecto de innovación, que estará atendida por baristas profesionais das diferentes empresas que colaboran. Os centros participantes son todos os que integran a Rede Galega de Hostalería, oito centros públicos que dependen da Consellería de Educación, e ademais centros de Asturias, País Vasco, Castela-León e Madrid”. Tamén anunciou que por parte do IES de Foz van participar Sergio Bartomeu, como representante barista no campionato, e Uxía Piñeiro, que vai ser a representante no concurso de cata.

E o delegado de Turismo no Concello de Foz comentou que “este evento xa é un clásico e pon en valor a un produto e a uns profesionais que o converten en excelente, buscando outras elaboracións. Hai que dar as grazas a todos os profesores que están a formar profesionais do sector na hostalería, que é tan importante en toda España pero sobre todo en lugares como A Mariña, que fundamentalmente vivimos do turismo, máis nestes anos nos que está a retroceder un pouco a industria. Por tanto este é un evento que hai que seguir potenciando e que darlles as grazas por seguir loitando e traballando para formar profesionais no sector”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...