A rede de Ferrocarriles Españoles de Vía Estrecha (FEVE) ten moito que mellorar en Galicia en todos os aspectos. Cando xa parecía que os usuarios lucenses deste servizo non podían ser sorprendidos con noticias desagradables con respecto a FEVE, vense discriminados polo feito de que non reciben o mesmo trato que, por exemplo, asturianos e cántabros, que poden disfrutar gratis deste ferrocarril como consecuencia do erro de cálculo que fixo que se encargaran trens que non collen polos túneles. O portavoz do PP en Foz, Javier Castiñeira, anuncia: “O grupo municipal do Partido Popular presentará unha moción no próximo pleno para que o Concello inste a FEVE a compensar do mesmo xeito que fai en Asturias e Cantabria aos veciños do tramo galego, dende Ribadeo a Ferrol, do mesmo xeito que o fai coas dúas comunidades citadas”.
Para os populares, “non é lóxico que, na mesma vía, os viaxeiros paguen nuns lados e noutros non, só para tratar de xustificar un erro que levará a un retraso na modificación dos equipamentos”. No PP piden “que os veciños de Foz, Ribadeo, Barreiros, Xove, en fin, de toda A Mariña, teñan o mesmo trato que, por exemplo, os nosos veciños do occidente de Asturias ou de Cantabria”.
Castiñeira sinala: “Aproveitaremos esta moción para que o Goberno nos diga o retraso que haberá na renovación da frota e queremos que os cambios que haberá por non ter contemplado o gálibo correcto non afecten nin a calidade dos novos equipos nin ao confort e a seguridade. Queremos que se cumpra un plan de investimentos moi necesarios nesta rede ferroviaria, que non está funcionando como piden os veciños; na Mariña queremos un tren do mesmo xeito que teñen noutros lugares de España e que se incrementen as frecuencias”.
No PP de Foz entenden, di Castiñeira, “que a situación é dun agravio totalmente inxustificado entre os usuarios galegos, por un lado, e cántabros e asturianos por outro, e esperamos que se corrixa o antes posible porque a día de hoxe os nosos veciños vense moi discriminados no uso dos servizos de FEVE”.