A concelleira de Facenda no municipio de Foz analiza as últimas declaracións do PP local en canto algunhas materias fiscais. En tal caso, Inés López Couto reclamou aos populares que “non vendan fume”.
“Agora todos os días nos explican unha proposta nova, algunhas que son de hai 6 anos e xa estaban no Concello, e que non realizaron no seu momento, coma a de Conde de Fontao. A eliminación da plusvalía tamén a puido levar a cabo durante os seus oito anos de goberno e non o fixo” Indica a número 2 da lista do PSdG-PSOE e actual concelleira de facenda, Inés López Couto.
“A verdade é que nos quedamos pasmados coas aseveracións do líder do Partido Popular en materia impositiva. O único que podemos crer como certo son os feitos de como actuou no seus oito anos de mandato. A realidade é que realizou catro subidas do IBI, coñecido como contribución, consecutivas e que suman máis dun 46%” e continúa “non se lles pode mentir aos veciños, como xa ten por costume, queda moi bonito dicir que se vai bonificar aos empadroados a contribución pero iso so é unha mentira, xa que en todo caso sería ilegal.”
A explicación debe basearse na lei: o Real Decreto Lexislativo 2/2004 regula as bonificacións que o estado lles permite aos municipios en materia de tributos municipais e son estas as únicas que se poden aplicar, non sendo posible facer unha “bonificación para empadroados, que a pesar de ser moi populista é unha medida que vai en contra do principio de Igualdade que marca a nosa Constitución”.
“Unha vez máis volve vender fume, coma a irrealidade na que vivía no 2015 co megaporto e o centro de ocio integrado de 5.000m2 que o acompañaba, ademais de moitos outros engadidos daquel súper-proxecto. Quizais falta vivir máis na realidade dos habitantes de Foz.” E finaliza “o resto de insultos habituais, non vamos entrar a valoralos.”