InicioCentralFozFoz remata a expropiación de terreos para a nova depuradora

Foz remata a expropiación de terreos para a nova depuradora

O alcalde de Foz reclamou á directora de Augas de Galicia a remisión do proxecto construtivo corrixido e completo á maior brevidade, para poder cumprir coa obriga de exposición pública e aprobación en pleno.

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Foz rematou este pasado martes, día 4 de xullo, os trámites de expropiación de terreos para a nova depuradora e está pendente de recibir de Augas de Galicia o proxecto construtivo da EDAR, que acumula máis de seis anos de retraso respecto ao convenio asinado.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, informa que o Concello “consignou na Caixa Xeral de Depósitos o importe total das valoracións das fincas que foron expropiadas para a construción da nova depuradora, cantidades que xa están a disposición dos antigos propietarios. Con este trámite o Concello de Foz rematou a posta a disposición de terreos para executar a obra, á espera de que Augas de Galicia cumpra coa súa parte e remita ao Concello de Foz o proxecto construtivo definitivo e comece os traballos”.

Unha das nosas principais preocupacións é que o proxecto construtivo responda ás necesidades de Foz, que sexa completo e minimice as afeccións aos veciños. Despois da revisión do borrador inicial encontramos deficiencias, que foron tratadas en reunións con técnicos de Augas de Galicia e nas que se corrixiron cuestións como a proxección dun tanque de tormentas completo na praia de Llas para evitar vertidos ao areal, tal e como marcaba o anteproxecto, ou unha axeitada reposición dos viais afectados de titularidade municipal”, indica o rexedor municipal.

Este pasado martes a petición do Concello o alcalde de Foz mantivo unha reunión de traballo en Santiago coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, o xerente do organismo e técnicos de Augas de Galicia e do Concello de Foz. “Pedimos que á reunión acudira o presidente ou algún técnico de Portos de Galicia, xa que unha demanda aínda non satisfeita do Concello de Foz respecto ao proxecto construtivo é que a nave da actual depuradora non se derruba , que se permita a súa reutilización para servizos municipais da Policía Local e Protección Civil. Non foi posible e veño de solicitar unha nova reunión para avanzar neste punto, iremos a Santiago as veces que sexan precisas”, laméntase o alcalde. Outra reclamación do Concello é habilitar na nova depuradora un punto de descarga para tratar os residuos transportados en cisternas procedentes de fosas sépticas ou da limpeza de colectores. A Xunta de Galicia publicou no DOG do 12 de agosto de 2022 a Lei 1/2022 do 12 de xullo de mellora da xestión do ciclo integral da auga. No artigo 11 desta lei esíxese para depuradoras de máis de 2.000 habitantes equivalentes a instalación destes puntos de descarga. “Estamos reclamando a Augas de Galicia que cumpra a súa propia lexislación, que defina no proxecto e se constrúa un punto de descarga: non é posible aprobar un proxecto que incumpra a lei da propia Xunta de Galicia. No noso Concello quedan moitas vivendas sen conectar ao saneamento e debemos facilitar o tratamento dos seus residuos, outra cousa sería incumprir coas nosas obrigas”, afirma Fran Cajoto.

O alcalde de Foz reclamou á directora de Augas de Galicia a remisión do proxecto construtivo corrixido e completo á maior brevidade, para poder cumprir coa obriga de exposición pública e aprobación en pleno. “Sabiamos que non se ían cumprir en ningún caso as previsións da conselleira Ethel Vázquez, que en agosto do ano pasado afirmou de forma rotunda que as obras comezarían en decembro de 2022. Augas de Galicia ten pendente de aprobación o proxecto construtivo e a obtención da concesión do paso dos colectores por terreos de Adif, Ministerio de Transportes e Costas, trámites que iniciou hai uns poucos meses. É un proxecto complexo que queremos levar a bo porto e por iso colaboramos de forma activa, incluso facendo de ponte con outras administracións”, afirma o rexedor.

Na reunión coa directora de Augas de Galicia o alcalde demandoulle que se desbloqueen con urxencia os expedientes de legalización da captación de auga potable de Cordido e de ampliación de caudal da captación do río Ouro, indispensables para a aprobación definitiva do PXOM. “Levamos con estes expedientes catro anos e encóntranse bloqueados en distintos departamentos de Augas de Galicia de Lugo e Santiago. É totalmente inadmisible. Aínda non sabemos se hai que facer algún investimento ou non despois de catro longos anos. Veciños de Cordido con terreos que son edificables seguen sen poder construír unha vivenda catro anos despois de aprobar o Plan Xeral, é intolerable”, manifesta Cajoto.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...