As xornadas de historia de Foz organizadas pola asociación A Pomba do Arco continúan este martes 1 de agosto as 20:30 cun relatorio de Alexandre Peres Vigo titulado ‘San Martiño, Mailoc e o mosteiro Maximum’ . Peres Vigo é profesor da Universidade da Coruña, autor de números publicacións no ámbito lingüístico e histórico, e coordinador, entre outras, da publicación colectiva Os reis e as raíñas da Galiza.
A historia dos bretóns asentados na Galiza a partir do século V mantense como unha nebulosa alén da diferente documentación que dá conta da participación dos cabezaleiros dese pobo nos concilios dos reis galegos até o século VII. Segundo ohistoriador e especialista na Idade Media galega, Anselmo López Carreira, “a achega do pobo bretón foi a derradeira que interveu na constitución da nacionalidade galega, xa que a chegada de visigodos, de musulmáns, aínda que fose como servos, ou de francos foi un fenómeno puramente individual, como grupo compacto a chegada dos bretóns é a derradeira”.
O pobo bretón abandonou Britania e dirixiuse a través do Canal da Mancha á Armórica [hoxe Bretaña], e outros chegaron até a costa norte da Galiza, entre Navia e Trasancos, aproveitando rutas de navegación ancestrais. Nesta liña, Peres Vigo, lembra que “orientada cara as Illas Británicas, a costa da Mariña leva séculos sendo o gran embarcadoiro da Galiza cantábrica. Desta singularidade foron ben conscientes algúns dos máis famosos xeógrafos da Antigüidade, tales como o naturalista romano Plinio “O Vello” que describiu, con gran precisión, os diferentes pobos galaicos que habitaban esta rexión costeira hai máis de 2.000 anos”.
Peres Vigo lembra que “como tradicional punto de encontro atlántico, o certo é que ao longo da Idade Moderna a presenza de mercadores ingleses, bretóns ou portugueses, nunca resultou estraña nos principais portos mariñaos como Viveiro ou Ribadeo. Na realidade, aqueles estreitos contactos xa se iniciaran moitos séculos atrás como proba o amplo e minucioso coñecemento da Mariña, xa visíbel en cartas xeográficas inglesas do século XII. Da vitalidade destas relacións comerciais -e tamén humanas- fala a presenza na propia cidade de Lugo, de moedas chegadas desde a Inglaterra do século IX, en concreto do antigo reino de Northumbria, e talvez acuñadas durante o reinado de Raedwulf”.
O profesor da Universidade da Coruña (UDC) revela que “se un acontecemento histórico extraordinario exemplifica como ningún outro as intensas relacións da Mariña co resto das costas bañadas polo Mar Céltico, ese foi, sen lugar a dúbidas, o estabelecemento no seu territorio dunha comunidade bretoa cristiá. Un continxente orixinario da illa de Gran Bretaña, a antiga Britannia, que após asentarse na Mariña acabaría organizando un dos máis singulares bispados do reino da Galiza, a chamada diocese britoniense da que, co paso dos séculos, derivaría a actual diocese de Mondoñedo-Ferrol”.
Peres Vigo explica que “aínda fica por estudar en profundidade, a figura máis sobranceira daquel grupo de bretóns ou britanos galegos non foi outra que un dos seus líderes espirituais máis célebres, o coñecido bispo britoniense Maeloc, quen xa aparece, no ano 572, asinando as actas do segundo concilio de Braga convocado polo rei galego Miro. Un xenuíno símbolo desta integración bretoa da que aínda fica tanto por dicir”. Neste sentido, a historiografía coincide que a igrexa bretoa organizábase seguindo os criterios da igrexa céltica, exemplificada no caso irlandés.
O centro espiritual da antiga diocese bretoa foi o enigmático “Monasterium Maximi”, mencionado nun concilio lucense celebrado no ano 569 e organizado a instancias de Teodomiro, entón rei de Galiza. Neste sentido, Peres Vigo afirma que “non hai dúbida é de que este se erixiu como un dos grandes centros eclesiásticos do reino de Galiza no século VI, rivalizando con urbes de pasado galaico-romano como Tui, Lugo ou a grandiosa Braga, capital histórica da primeira monarquía galega”.
O emprazamento do “Monasterium Maximi” ou Mosteiro Máximo segue a levantar intensas discusións no ámbito académico. Porén, a opinión maioritaria, sitúao en San Martiño de Mondoñedo, conservando a actual igrexa nunha das súas fachadas construcións do século V. Entre os defensores, desta hipótese atópanse historiadores clásicos como o propio Benito Vicceto ou Anselmo López Carreira.
As xornadas continúan mércores 3 de agosto as 20:30 na Casa da Cultura con Xavier Rivera, que se achegará a II Guerra Mundial da Mariña. Rivera, xornalista de profesión, recuperara diversas batallas navais que se libraron fronte costa da Mariña entre 1942 e 1945 entre as forzas aliadas e os exércitos da Alemaña nazi. Asemade, dará conta das accións de comando desenvoltas polos aliados na Mariña, das redes de espionaxe a favor dos nazis e dos aliados.