O Concello de Foz continúa, polo momento e por “precaución”, a súa recomendación de non beber ou cociñar con auga da traída pola presenza aínda de sustancias nocivas na mesma, segundo as últimas analíticas. A recomendación lanzouse fai cinco días e, polo momento, os niveis de THM non volveron á normalidade, aínda que fontes municipais apuntan a que si baixaron e, de feito, non supoñen un risco directo para a saúde, aínda que as autoridades prefiren ser cautas e seguir esperando.
Esta situación afecta especialmente a Foz estes días, tanto polo incremento de poboación derivado do turismo como polas súas festas patronais, as de San Lorenzo, que arrincan este mesmo martes. Sobre esta cuestión, o PP de Foz emitiu un comunicado no que critica a “nula transparencia” do equipo de Goberno “á hora de informar a veciños e turistas dos problemas de abastecemento”.
Os veciños, apunta o PP, “seguen sen facerse unha idea da gravidade do problema e de canto se prolongará no tempo para poder ter unha previsión” da auga embotellada que necesitarán. Para o portavoz popular, Javier Castiñeira, “a imaxe que se está dando de Foz, unha localidade turística, é moi negativa, sumindo a Foz, en plenas festas de San Lorenzo, no caos”.