A auga da traída municipal de Foz volve ser axeitada para beber e cociñar. Polo tanto o Concello, despois dos resultados das mostras tomadas o luns e mércores desta semana, 7 e 9 de agosto, elimina a recomendación de evitar o seu emprego para estes usos.
O pasado 3 de agosto o Concello de Foz recomendaba á poboación como medida preventiva non inxerir auga da traída nin preparar alimentos con ela despois da detección de valores de trihalometanos (THM) por encima dos rangos permitidos.
Os resultados das analíticas tomadas este luns xa presentaron valores normais e este mércores analizáronse novas mostras por parte de dous laboratorios distintos, resultando valores dentro dos rangos marcados. É por isto que o Concello de Foz informa que se eliminan as recomendacións de hai pouco máis dunha semana: veciñas, veciños e visitantes poden empregar auga da traída para calquera uso con total seguridade.
O alcalde, Fran Cajoto, explica que “as medidas de corrección funcionaron: a substitución do cloro no pretratamento por peróxido de hidróxeno foi efectiva e hoxe xa podemos eliminar con seguridade as recomendacións de hai 8 días. Aínda que non existiu risco para a saúde da poboación, a nosa obriga é ser transparentes e obrar da maneira máis responsable. Pedimos desculpas polas molestias causadas e solucionado o problema é tempo de analizar que medidas adicionais podemos tomar na potabilización para que non volva acontecer”.
O Concello de Foz quere mandar unha mensaxe de tranquilidade tamén sobre a cor da auga, na que ten tamén incidencia a utilización do peróxido de hidróxeno como reactivo en lugar do hipoclorito.
O alcalde engade: “seguiremos realizando unha toma de mostras continua, para garantir unha auga de calidade porque é a nosa prioridade conseguir dar o mellor dos servizos posible. Pedimos tamén un consumo responsable, dada a situación de seca prolongada que estamos a sufrir na Mariña e en todo o país ”.